Posta en marcha da Asociación Municipal Terras Nobles para a creación dun xeodestino turístico
A delegada territorial da Xunta en Vigo, María José Bravo Bosch, participou hoxe na asemblea constituínte da Asociación Municipal Terras Nobles para a creación dun xeodestino turístico e que tivo lugar na sede territorial da Xunta en Vigo.
Xunto aos responsables dos primeiros concellos que formarán parte da asociación, Bravo Bosch amosou todo o seu apoio a esta iniciativa, que parte do Concello de Redondela, e que ten coma obxectivo a promoción económica dos municipios integrantes a través do turismo. Redondela, Soutomaior, Pazos de Borbén, Mos, Salvaterra do Miño, Ponteareas, As Neves, Mondariz, Mondariz-Balneario e Tui son os dez socios fundadores, aínda que os Estatutos da asociación permiten a incorporación de novos concellos tras a solicitude do municipio interesado e o acordo unánime dos socios.
Na sesión desta mañá, os representantes dos municipios integrantes firmaron os Estatutos e a constitución da asociación ademais de levar a cabo a elección dos seus cargos representativos, saíndo elixido Alcalde-Presidente da mesma o rexedor de Redondela. Na reunión estiveron presentes os alcaldes de Redondela, Javier Bas; Soutomaior, Agustín Reguera; Pazos de Borbén, Andrés Iglesias; Salvaterra do Miño, Arturo Grandal; Ponteareas, Salvador González Solla; As Neves, Raúl Emilio Castro; Mondariz-Balneario, José Antonio Lorenzo; e a concelleira de Cultura de Mos, Sara Cebreiro. Javier Bas considerou así ao termo do encontro que a posta en marcha desta asociación de municipios “pretende amosar a riqueza que existe na nosa área e dala a coñecer fóra”.
O documento asinado esta mañá especifica que a asociación desenvolverá a súa actividade, principalmente, na provincia de Pontevedra, terá o seu domicilio no Concello de Redondela e ten coma órganos unha asemblea xeral –formada por todos os socios- e unha comisión executiva –formada por un Presidente e un mínimo de tres vogais-.
Entre os fins que persegue, se atopan a promoción económica dos concellos integrantes a través do turismo; a implantación dun Plan para a creación dun xeodestino denominado Terras Nobles; a xestión das accións desenvolvidas en execución do Plan; a defensa e representación dos intereses xerais dos asociados ante instancias políticas e administrativas para a consecución dos obxectivos do Plan, entre outros.
Con todo, para conseguir a realización destes fins, a asociación establecerá as estruturas orgánicas pertinentes; facilitará o intercambio de información sobre asuntos que afecten ao Plan e ao turismo dos municipios integrantes do xeodestino; constituirá servizos de asesoramento e asistencia para os seus membros; organizará e participará en reunións, seminarios e congresos; representará aos asociados ante os poderes públicos aos efectos de cumprimentos dos seus fins e, por último, promoverá publicacións e documentos informativos en materia das competencias a que atinxen os seus fins.











