publicidade hoxe

Portos de Galicia inicia a reordenación e mellora do tránsito rodado no Porto de Malpica

O presidente de Portos de Galicia en Malpica

O presidente de Portos de Galicia en Malpica

Portos de Galicia iniciará nos vindeiros días os traballos de reordenación e mellora do tránsito rodado no porto de Malpica. Así o confirmou esta mañá o presidente do ente público, José Juan Durán, na súa visita a zona, para informar das previsións das obras orzamentadas en 151.000 euros.

En concreto, os traballos incluirán a demolición do vello edificio e as oficinas portuarias, que se atopaban en desuso e a habilitación dunha nova zona de servizo aos usuarios, así como dun espazo de aparcadoiro. Así mesmo mellorarase o acceso ao peirao e facilitarase a circulación rodada por toda a zona, de actividade fundamentalmente profesional.

Esta actuación enmárcase dentro da liña de traballo de mellora integral que a Xunta de Galicia está a desenvolver no porto de Malpica. Non en van, na mesma zona teñense construído recentemente novos departamentos para os usuarios en substitución dos antigos, mellorando as condicións de traballo dos profesionais do mar.

Así mesmo, Portos de Galicia está a traballar tamén no proxecto de ordenación das instalacións da lámina de auga de Malpica e ten previsto tamén o control de accesos á zona portuaria a través de barreiras, unha actuación que se atopa polo momento á espera de rematar outros traballos. Deste xeito, estase a dar resposta ás necesidades trasladadas polos usuarios e o Concello de Malpica.

26 de decembro de 2014 | 17:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.