Pontevedra acolle o Campionato de España de Clubs de Taekwondo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedra
A-
A+
Presentación da cita deportiva

Presentación da cita deportiva

Pontevedra acollerá entre os días 5 e 8 de decembro o Campionato de España de Clubs de Taekwondo, que reunirá a máis de dúas mil persoas entre deportistas (1.578), técnicos (500) e xuíces (máis de 100). Todos os afeccionados ao taekwondo poderán gozar cun evento no que é posible contemplar as diferentes modalidades (exhibición, técnica, combate e freestyle) e aos mellores especialistas. Ademais, Galicia é unha potencia neste deporte, polo que os seus clubs tentarán repetir os resultados de anos precedentes.

Hoxe tivo lugar o acto de presentación do torneo e no mesmo participaron o alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores; o concelleiro de Deportes, Agustín Fernández; e o presidente da Federación Galega de Taekwondo, Juan Carlos Eiriz e o presidente do Mace Sport, Miguel Cortegoso. No transcurso do acto, o alcalde destacou que hai uns meses comezou unha relación de colaboración coa Federación Galega de Taekwondo, que “trouxo a Pontevedra o Campionato de España júnior (febreiro), agora este campionato de España de clubs e culminaremos en abril do próximo ano co Open de España”. O máximo mandatario recordou que este tipo de eventos son positivos para a cidade, polo volume de persoas que se desprazan á cidade, e para os clubs galegos, que teñen menos gastos en desprazamentos”

O presidente da Federación Galega, Juan Carlos Eiriz agradeceu en nome do taekwondo galego a colaboración do Concello e explicou que están traballando para que o Open de España sexa dunha categoría superior. “Agora mesmo ten a cualificación G1 e estamos negociando coa Mundial para que sexa G2, porque iso suporía un maior nivel competitivo e maior participación”. Con respecto ao Campionato de España que se celebrará esta fin de semana, Eiriz recordou que “en Pontevedra teremos medallistas olímpicos”, así que o altísimo nivel deportivo está garantido. Pontevedra xa acolleu este ano un campionato de España. En febreiro de 2014 celebrouse o torneo júnior e agora deu un paso máis adiante ao celebrar o Campionato de España de Clubs, que inclúe no seu seno varios campionatos: Campionato de España de técnica infantil e adultos; Campionato de España de Combate cadete, júnior e sénior; Campionato de España de Exhibición infantil e adultos e Campionato de España de Freestyle.

O torneo deste ano será organizado, por delegación da Española, pola Federación Galega de Taekwondo e o Mace Sport. O torneo comezará o venres (15:00 horas) coa celebración do Campionato de España de técnica infantil (169 deportistas) e adultos (172). O sábado será o momento da competición de combate cadete e júnior. Será 367 deportistas cadetes e 297 da categoría júnior. O domingo celebrarase o Campionato de España de Combate Sénior, con 240 deportistas, e ademais co aliciente de que esta competición da puntos de ranking para clasificarse para o Campionato do Mundo do 2015. O último día de competición será para a exhibición e freestyle. Precisamente a exhibición é unha das modalidades do taekwondo máis espectaculares e na que Galicia é a absoluta dominadora. Ademais o club local, o Mace Sport, logrou hai unhas semanas o título de campión galego por vez primeira e agora buscará o título de campión de España ante o seu público.

O Natural Sport Riveira. O actual campión deste torneo é o Natural Sport de Riveira, pero non só do ano 2013, senón das últimas sete edicións, o cal amosa a súa superioridade. Este ano enfronta este campionato con importante ausencias (os irmáns Juan e José Fernández está lesionados) pero aseguran que darán a cara e tentarán volver a loitar por estar no máis alto do podio.

3 de decembro de 2014 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.