Ponte Caldelas levará a pleno o xoves o orzamento municipal para 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPonte Caldelas
A-
A+

O alcalde de Ponte Caldelas levará a pleno o vindeiro xoves o orzamento municipal para o exercicio 2015 despois de que a Comisión Informativa ditaminase favorablemente, coa abstención da oposición, o documento orzamentario que ascende a 3.215381,50 euros, lixeiramente superior ao do ano 2014.

No orzamento deste ano, que se someterá a aprobación da Corporación Municipal no Pleno, adaptáronse as partidas de gastos para manter os servizos básicos municipais, e será un ano en que os investimentos se seguirán financiando principalmente a través dos plans de obras e subvencións doutras administracións.

Así, a través do Plan de Investimentos da Deputación vaise a executar un novo plan de actuacións en materia de saneamento rural, ademais doutras en materia de mellora de viarias, parques públicos e eficiencia enerxética na iluminación pública. Hai que lembrar que neste ano 2015 porase en funcionamento o saneamento nos núcleos da Reigosa, Buchabad, Taboadelo e parte de Baltar grazas ás subvencións xa en marcha ou executadas.

Finalmente, prevese un plan de investimentos propio, do Concello de Ponte Caldelas, de 193.000 euros dos cales 141.000 euros financiaríanse cunha operación de crédito ou con remanentes. Estes fondos destinaríanse principalmente a cofinanciar estas actuacións para as que se obteña subvención da Xunta de Galicia.

Estas últimas actuacións descritas dedicaranse principalmente a investimentos en parques públicos, mellora de viarias e eficiencia enerxética na iluminación pública.

Co peche do exercicio 2014, confírmase a solvencia económica do Concello de Ponte Caldelas rebaixándose así o seu nivel de endebedamento ao 37%dos recursos ordinarios contando xa coa operación prevista para 2015,lonxe do límite do 75% que fixa o Estado, a través do Ministerio de Facenda.

De feito, o plan de investimentos do Concello para este exercicio está previsto mediante unha operación de crédito similar ao pasado ano de 141.000 euros coa Caixa de Anticipos da Deputación aínda que a intención do alcalde é tentar financiar eses investimentos a través do remanente líquido de tesouraría, unha vez aprobada a liquidación do exercicio 2014 que con toda seguridade será positiva e con remanente de tesouraría. Neste caso esa porcentaxe de endebedamento reduciríase por baixo do 33%.

Neste ano o alcalde tamén prevé no orzamento manter as subvencións para as ANPAS e centros educativos do municipio exactamente iguais ás do pasado ano, tal e como se veu facendo en todos estes anos de crises nos que non se recortou contía algunha neste ámbito. Igualmente a axuda a COEMPO para a promoción do comercio local.

Igualmente manteranse as axudas ás entidades deportivas do municipio como en anos anteriores, así como o Plan Cultural.

A maiores prevese dentro do anexo de subvencións varias partidas de investimento para melloras de varios centros culturais dalgunhas parroquias de titularidade veciñal con obxectivo de seguir coa política de que cada parroquia ou lugar teña un local de reunión e para celebrar actividades.

Neste ano 2015 prevense subvencións para distintas reformas ou actuacións nas “casas do pobo” de Paradela, Barbudo, Buchabad, Vilarchán e Rebordelo en función das distintas peticións formuladas polos representantes veciñais destes lugares.

Nestes anos anteriores, a pesar da crise, o Concello puido reformar o Centro Cultural de Chaín, de titularidade municipal, así como colaborar cunha subvención de 30.000 euros na rehabilitación do de Taboadelo. Agora a mellor situación económica permite seguir con estas actuacións en máis lugares de acordo coas necesidades expostas polos propios colectivos veciñais.

15 de decembro de 2014 | 17:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.