publicidade hoxe

Ponte Caldelas formaliza a solicitude para que a praia fluvial da Calzada dispoña de bandeira azul

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPonte Caldelas
A-
A+
Praia fluvial

Praia fluvial

O Concello de Ponte Caldelas presentou oficialmente a candidatura da praia fluvial da Calzada para obter a “Bandeira Azul”, distintivo de calidade ambiental europeo outorgado pola Asociación de Educación Ambiental e do Consumidor (ADEAC).

Esta decisión tomada polo alcalde, Perfecto Rodríguez, vén avalada por toda unha traxectoria marcada polos excelentes resultados das análises que periodicamente se establecen nas súas augas e polos servizos e infraestruturas de que dispón a área recreativa da Calzada.

De prosperar esta candidatura, que conta a priori con todos os elementos para que así sexa, sería a primeira praia fluvial de Galicia en dispor deste distintivo e a segunda de España, e viría corroborar que A Calzada goza dunha calidade excelente desde o punto de vista ambiental, sanitario, turístico e recreativo.

O Concello iniciou o pasado verán os trámites para conseguir o distintivo de “Bandeira Azul”. Así tras a solicitude formal do Concello o pasado mes de agosto un inspector da propia ADEAC xa visitou a praia fluvial, quedando gratamente sorprendido da beleza da contorna. En virtude desa visita emitiu un informe cunha serie de recomendacións a realizar para que a praia poida ostentar a bandeira azul, que o Concello vai executar co obxectivo de que o próximo verán poida lucir ese distintivo.

Estas recomendacións suporán que o Concello terá que duplicar o servizo de socorristas (terá que haber sempre un mínimo de 2), ademais tamén se realizarán melloras na sinalización e na accesibilidade dalgunhas zonas para persoas con mobilidade reducida.

Perfecto Rodríguez considera que a oportunidade de que esta praia sexa a 1ª con bandeira azul de Galicia e a 2ª de España, merece facer un esforzo polo que supón tamén de promoción turística do municipio.

A praia fluvial da Calzada, en Ponte Caldelas, dispón de maneira ininterrompida e desde o 2001 o cualificativo de “excelente”, segundo o resultado da analítica practicada polo Programa de Vixilancia Sanitaria que realiza en Galicia a Consellería de Sanidade nas áreas habilitadas para o goce das zonas de baño. Este é outro requisito ineludible para ter a distinción.

As augas da praia fluvial da Calzada sométense a un rigoroso control e analítica, con periodicidade quincenal, para determinar a pureza e idoneidade das mesmas para o baño. Os resultados da analítica son expostos no taboleiro de anuncios situado na propia praia fluvial da Calzada, co fin de que os usuarios poidan consultalos en todo momento e comprobar o seu estado para a práctica do baño. Tamén poden ser consultados a través de internet na web da Consellería de Sanidade.

A actuación realizada nos últimos anos polo Concello de Ponte Caldelas na área recreativa da Calzada converteuna nun lugar de referencia para o baño fluvial en toda Galicia. Operarios municipais coidan habitualmente a zona para que cando chegue a tempada estival estea en perfectas condicións de uso. Periodicamente realizan labores de limpeza e mantemento non só na contorna senón tamén na conservación do mobiliario urbano existente nos arredores.

A praia atópase situada ao final do paseo fluvial da Calzada e conta con aparcadoiro e lugares para o goce da natureza. É tamén zona habitual de pesca deportiva e nela opera durante o período estival un bar-chiringuito con aseos que atende as demandas do público que utiliza nos días de bo tempo este enclave turístico e de descanso de primeira orde.

Nos días de bo tempo, a praia da Calzada —que dispón de superficie arboredo e con herba, para favorecer o descanso do visitante, e de zona asollada, para os amantes do bronceado—, ofrece todo tipo de posibilidades para practicar o turismo familiar e o goce armónico da natureza.

A praia dispón de cancha de volei-praia, tenis de mesa, así como unha ampla variedade de aparellos no parque biosaludable para realizar exercicio rehabilitador, musculación, ximnasia de mantemento, etc.

Ademais dos enclaves paisaxísticos que ofrece o propio río Verdugo, Ponte Caldelas completa a súa oferta cunha infraestrutura e calidade de servizos que cumpre sobradamente a estrita normativa europea para a concesión de bandeiras azuis.

A presenza de paneis explicativos sobre as posibilidades de uso da contorna, información actualizada sobre a salubridade das súas augas, socorrista presencial permanente durante as horas de baño e afluencia de público así como láminas identificativas de especies, información sobre os ecosistemas existentes, especies protexidas, flora e fauna circundante así como actividades fomentadas desde o propio Concello para coñecer e gozar dunha maneira harmónica e ecolóxica dos encantos paisaxísticos e fluviais deste enclave do río Verdugo conforman as principais bazas coas que conta Ponte Caldelas para que se lle outorgue a Bandeira Azul á praia fluvial da Calzada.

11 de decembro de 2014 | 19:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.