Participación Cidadá de Mos promove varias xornadas de motivación cara o futuro profesional

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

A concellería de Educación e Participación Cidadá que dirixe a edil Kely Monzón organiza esta tarde e o vindeiro mércores, día 17 de decembro, no IES de Mos varias actividades de crecemento persoal e motivación.

Esta tarde nas instalacións do IES de Mos, no salón de actos en horario de 16:15 horas a 17:55 horas e o día 17 de decembro, nas instalacións do Colexio LAR, no salón de actos a partir das 10:00 horas da mañá levarase a cabo o Programa de crecemento persoal “PreparaMos: en busca de máis oportunidades e solucións”.

E o mércores 17 de decembro na Axencia de Colocación de Mos ás 19:30 horas e cunha duración de dúas horas e media celebrarase o monográfico de motivación denominado “Activando o teu futuro”.

PreparaMos

O programa “PreparaMos: en busca de máis oportunidades e solucións”, a cargo de Pablo García Fortes, pretende facer reflexionar sobre algunhas cuestións básicas e fundamentais da vida, que se inicia como un folio en branco que temos que escribir sen que ninguén nos prepare para isto.

A toma de decisións que afectan a todos os ámbitos da nosa vida e que nos levan ata a nosa situación actual suxírennos as seguintes cuestións: ¿gústame o que vexo da miña vida?, ¿como podo transformalo ou melloralo?, ¿que dirección quero dar a miña vida a partir de hoxe?. Pois ben, as respostas a estas e outras moitas cuestións, constitúen  o obxectivo desta actividade de crecemento persoal. O programa desta acción está enfocado a subministrar ferramentas e habilidades necesarias para coñecerse a un mesmo, responsabilizarse da propia vida e ter claro o que decidimos. Para elo é importante saber como nos organizamos, relacionamos, comunicamos, sen perder o control e equilibrio da nosa vida.

Os obxectivos desta actividade son promover no alumnado de 2º  curso de Bacharelato a reflexión sobre diversas cuestións que permitan coñecer, valorar e adaptar as decisións e accións que moven o noso día a día, facilitar o coñecemento interior, a través da proactividade, consciencia e desenvolvendo o propio potencial, desenvolver a responsabilidade das decisións de vida, promover o coñecemento sobre como enfocar as metas, como tomar decisións, como organizarnos, como relacionarnos, como comunicar e como controlar as nosas emocións, e achegar coñecementos sobre a importancia do equilibrio na nosa vida, descubrir cal é a arte de xerar ilusión e optimismo.

Esta actividade consiste nunha charla-conferencia onde o autor fai reflexionar sobre aspectos cruciais, coa finalidade de buscar máis oportunidades e solucións no noso día a día. A metodoloxía é activa e participativa, na que o alumnado pode formular dúbidas e inquedanzas.

Os destinatarios desta iniciativa son 56 alumnos/as de 2º de Bacharelato do Instituto e 18 estudiantes do mesmo curso do Colexio Lar, un total de 74 mozos e mozas mosenses.

Activando o teu futuro

A organización dun monográfico de motivación denominado “Activando o teu futuro”, relacionado co emprego e o autoemprego ten como obxectivo proporcionar ós mozos e mozas ferramentas en temáticas de especial interese para a xuventude galega.

O monográfico está dirixido a maiores de 16 anos, e terán preferencia os/as empadroados/as en Mos.

A Dirección Xeral de Xuventude e Voluntariado da Consellería de Traballo por cuarto ano consecutivo presenta  un programa de formación para xuventude en situación de desemprego, denominado “Activa 2014”, acordes ó eixo transversal de formación e información da Estratexia Xuventude 2016.

Este programa preséntase a través de Xuventude para que os diferentes concellos da comunidade autónoma interesados soliciten aqueles obradoiros ou monográficos que poidan resultar de maior interese para os seus veciños e veciñas. 

O programa Activa está especialmente destinado a persoas maiores de 16 anos e menores de 30 anos.

A formación no ámbito da educación non formal constitúe un valor en alza e ten unha relación clara na mellora da empregabilidade da mocidade, constituíndo un complemento valioso no eido curricular.

Por todo o exposto, dende a concellería de Educación e Participación Cidadá proponse a realización dun  monográfico de motivación relacionado co emprego e co autoemprego, cunha duración de dúas horas, dirixido a maiores de 16 anos preferentemente de Mos.

Trátase dun monográfico eminentemente práctico, nun momento de reflexión nestes tempos axitados, con experiencias e ideas que invitan á acción e que apoian o desenvolvemento persoal como o único camiño cara o éxito.

Ten como obxectivo principal proporcionar ós mozos e mozas ferramentas en temáticas de especial interese para a xuventude galega, para a análise das oportunidades de traballo e competitividade no mercado laboral e para aportarlles ferramentas que lles permitan optimizar as súas habilidades e destrezas para a toma de decisións respecto ó seu futuro ocupacional ou profesional.

A metodoloxía aplicada neste obradoiro será unha combinación teórico-práctica, e está destinado tanto a xente nova coma adultos.

15 de decembro de 2014 | 17:17 • Sen comentarios

Comentarios pechados.