Panxoliñas, teatro, maxia, monicreques, o Apalpador e os Reis protagonizan o Nadal Cultural de Carballo

Presentación da programación
Carballo festexa un ano máis as datas de Nadal cun programa de actividades para todos os públicos, aínda que centrado especialmente nos máis cativos e cativas. O programa do Nadal Cultural 2014 intégrano tanto actividades organizadas directamente polo Concello como por asociacións, centros educativos, agrupacións musicais, etc., e teñen lugar en escenarios variados como con as sedes das entidades, as igrexas parroquiais, o Pazo da Cultura ou a Ludoteca, coa novidade este ano da incorporación da Biblioteca Rego da Balsa. Dentro do programa, unha das citas máis esperadas é o Nadal Pequespectacular que reúne espectáculos de diversos formatos e estilos e que inclúe catro propostas nas que atopar teatro, música, monicreques e maxia. A primeira delas é o venres 25 de decembro con Sarabela Teatro e “O último dragón” para cativos e cativas a partir de 5 anos; a segunda, o sábado 27 coa música de Pablo día e a Banda Tic Tac que presentan o espectáculo “Toc, toc”; o luns 29 é a quenda do ilusionista Pedro Volta que trae a maxia ao Nadal con “Ilusionante” para maiores de 5 anos; e as citas pechan o martes 30 de decembro cos monicreques de La Tartana e “El guardián de los cuentos”, para nen@s a patir de 4 anos. Os interesados e interesadas poden reservar as entradas a partir do xoves 18 de decembro e ata o día 30 nas oficinas do Pazo da Cultura ou no 981 704 300 de 11.00 a 14.00 horas cun máximo de 4 localidades por persoa.
Todas as representacións son ás 18.00 horas no Pazo da Cultura. O prezo para todos os espectáculos é de 3€, ou de 2€ en caso de desconto. Pero antes do Nadal Pequespectacular, o programa do Nadal Cultural comeza con música e cunha das citas máis esperadas como son os Cantos de Nadal que acompañan a Entrega de Premios do Concurso de Cartel e Postal de Nadal, patrocinados por Todo Lar. Este concerto ten a finalidade de achegar a música típica destas datas a través do traballo de diferentes formacións musicais de Carballo. Desta volta, xunto ás agrupacións infantís Coro Vagalume e Coro o Candil, que interpretarán un repertorio de panxoliñas, a cita conta coa presenza das Voces Brancas da Coral Polifónica de Bergantiños. O acto está previsto para o sábado 13 de decembro ás 18.30 horas no Pazo da Cultura. A entrada é de balde. Dentro das actividades musicais, tamén hai que mencionar o Concerto de Nadal do Conservatorio Profesional de Música, o mércores 17 de decembro; as Noitiñas de Nadal no adro da Igrexa coa colaboración da Asociación Cultural e Xuvenil Arume de Berdillo o domingo 28 de decembro; ou varios recitais de panxoliñas organizados por distintas asociacións e nas parroquias.
A Ludoteca Municipal amplía de novo a súa programación con motivo do Nadal, neste caso con tres citas concretas. O luns 22 cun obradoiro de Árbore xenealóxica de Nadal a partir das 17.30 con entrada de balde para nenos e nenas; o martes 23 coa visita do Apalpador ás 18.00 horas; e o martes 30 de decembro coa tradicional Chocolatada a partir das 19.00 horas, unha maneira divertida de despedir o ano cos máis novos (é preciso convite previo). A incorporación ao programa da Biblioteca Rego da Balsa suma novas citas. A primeira o mércores 17 de decembro co concerto infantil “Brinca vai!”, con Paco Nogueiras e para nen@s maiores de 3 anos; o xoves 18 o Apalpador tamén visita a Biblioteca a partir das 18.00 horas; a terceira cita é o venres 19 cunha Masterclass de comunicación sobre o “Século XXI; prensa dixital e Youtube” para maiores de 14 anos; e, por último, o sábado 27 é a quenda dun Obradoiro de postais de Nadal dende o móbil dirixido aos nenos e nenas e ás súas familias.
Cabalgatas de Reis
No Nadal Cultural nunca faltan as Cabalgatas de Reis, que percorrerán tanto o casco urbano como as parroquias de Carballo. Este ano serán doce as comitivas que percorrerán todo o municipio durante os días 4, 5 e 6 de xaneiro. As Cabalgatas das parroquias están organizadas polas súas asociacións e contarán cunha subvención do Concello de Carballo. Na Cabalgata de Carballo vólvese a contar para a coa axuda da Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude e coa colaboración económica do CC Bergantiños-Gadis Hiper, de La Caixa, que achega os caramelos, e de Automóviles Gonzacar e Alquileres Reneymar que proporcionan os vehículos que guían das carrozas e as infraestruturas complementarias para a carpa que se instala para a recepción dos Reis Magos.
O programa non esquece tampouco a promoción económica, co Concurso de Escaparates de Nadal que repartirá 1.750 euros en premios; ou coa animación do Apalpador, que visitará os comercios do barrio da Milagrosa o domingo 28 a partir das 11.00 horas. Así mesmo, os artistas e artesáns de Bergantiños organizan Mercarte, unha mostra das súas obras na que tamén haberá obradoiros para nenos e nenas. Tampouco faltan este ano as campañas solidarias como a recollida de xoguetes de Cruz Vermella; ou as citas relixiosas e de lecer da parroquia San Xoán Bautista. Mención especial merecen as actividades para a terceira idade, con dous festivais, un de Nadal e outro de Reis. O primeiro terá lugar o domingo 21 co Dúo Libertad no Pazo da Cultura ás 18.00 horas; e o segundo o domingo 11 de xaneiro co Dúo De Festa, no mesmo espazo e horario.
Na presentación do programa estiveron presentes José Manuel Naya, de Todo Lar, que fixo un chamamento para que continúe a intensa actividade cultural no Concello; a Concelleira de Cultura, Mar Eirís, que desvelou as claves do programa. E o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que desexou que “o Nadal chegue a todos os currunchos” e que “estas datas sexan motivo de festa para todos e todas”, nomeadamente para os máis cativos e cativas, quen máis gozan nestas datas. Ferrero tamén quixo agradecer a colaboración de todos os que fan posible a elaboración do programa: a (Agadic) Axencia Galega das Industrias Culturais e a Rede Galega de Teatros e Auditorios, as asociacións culturais e as empresas de Carballo, como Todo Lar o Centro Comercial Bergantiños – Hiper Gadis, La Caixa, Automóbiles Gonzacar ou Alquileres Reneymar e a Deputación da Coruña.











