Ourense conmemorará o día Internacional do Voluntariado cunha feira de entidades de acción voluntaria

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

A concelleira de Voluntariado, Mónica Vázquez, e o técnico de voluntariado, Miguel Veiras, presentaron esta mañá no Salón de Plenos do Concello de Ourense a programación de actos para conmemorar o Día Internacional do Voluntariado, este venres día 5 de decembro. Con motivo da coincidencia do día coa celebración do Pleno municipal do mes de decembro, na propia sesión ordinaria a concelleira dará lectura a unha declaración institucional a prol do voluntariado.

No mesmo día, haberá diversas actividades, como unha feira de entidades de acción voluntaria, contos solidarios, un obradorio de motivación para persoas voluntarias e baile e música cun espectáculo de hip hop. A programación completa é a seguinte:

– Durante a celebración do Pleno Municipal: Lectura do manifesto institucional.

– A partir das 11, na Praza Maior: Feira de entidades de acción voluntaria, na que cada unha delas dará a coñecer as súas actividades e accións, con actividades de animación para os máis cativos. Pola súa banda, a Fundación Juan Soñador dará lectura de contos solidarios “cinco contos na túa man”, ao longo do día.

– Entre as 16 h e as 19 h, no Liceo de Ourense: Obradoiro de motivación para persoas voluntarias.

– A partir das 18:30 h Cruz Vermella ofrecerá un espectáculo de hip hop con música e baile para amenizar aos visitantes da feira, na Praza Maior.

A concelleira de Voluntariado, Mónica Vázquez, apuntou na presentación o número total de persoas inscritas a día de hoxe na Oficina de Voluntariado. Consta de 288 mulleres e 118 homes, que suman un total de 406 voluntarios e voluntarias. Así mesmo, a concelleira incidiu na importancia do pensamento global e a acción local, facendo referencia a un voluntariado activo para transformar realidades próximas e cotiás, cunha gran capacidade para incluír directamente na vida diaria das persoas.

2 de decembro de 2014 | 14:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.