Os xogadores do Rio Natura Monbus quentan motores para o II Campus Nadal Obradoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Visita dos xogadores

Visita dos xogadores

Os escolares de diferentes colexios de Santiago de Compostela recibiron hoxe a visita dos xogadores do Rio Natura Monbus, que os animaron a asistir este Nadal ao Campus Nadal Obradoiro – El Corte Inglés, celebrado entre o 26 e o 30 deste mes.

O colexio Compañía de María recibiu no seu pavillón aos beirados Haris Giannopoulos e Pavel Pumprla, que asinaron autógrafos e sacáronse fotos cos nenos, aos que lle explicaron tamén que en caso de asistir ao campus poderían pasar unha xornada coñecendo ao persoal completo durante un tour no Fontes do Sar.

No colexio Manuel Peleteiro, foron Maxi Kleber e Rafa Luz os recibidos polo presidente do club de baloncesto do centro, Manolo Vidal. Eles encargáronse de dar unha clase práctica de baloncesto aos pequenos afeccionados. Os futuros profesionais aproveitaron tamén para esculcar sobre os inicios no baloncesto dos xogadores invitados.

Tamén as propias categorías base do Rio Natura Monbus Obradoiro recibiron a visita sorpresa de Daniel Miller e Jesús Chagoyen, dous dos seus ídolos máis próximos. Os pivotes lembraron aos pequenos xogadores que todos eles teñen un 50% de desconto no prezo xeral da actividade por ser membros da canteira do club.

Ocasión ideal para mellorar calidades técnicas e facer novos amigos, o campus inclúe diferentes agasallos para os asistentes, entre os que se atopan un tour polas zonas máis descoñecidas do Fontes do Sar, como os vestiarios dos xogadores ou a sala de prensa. Ademais, o colofón da actividade será a asistencia de todos os participantes ao partido entre o Rio Natura Monbus Obradoiro e o F.C. Barcelona, actual campión da liga Endesa.

10 de decembro de 2014 | 20:46 • Sen comentarios

Comentarios pechados.