Os técnicos da Deputación de Pontevedra analizan a oferta económica daempresa que pasou o corte para a xestión do servizo provincial de recollida e tratamento de residuos
O presidente da Deputación informou, na rolda de prensa da Xunta de Goberno, que a tramitación para a concesión do servizo provincial de recollida e tratamento de residuos sólidos urbanos está neste momento na fase de análise da oferta económica da única empresa que pasou o corte dos 30 puntos requiridos para acceder á apertura do sobre C, realizada o pasado mércores.
Trátase da empresa FCC-Celta Prix, que “terá que cumprir estritamente co estipulado nos pregos”.
Louzán destacou que o obxectivo da Deputación é “ter en marcha canto antes ese contrato de adxudicación, co fin de poder iniciar nas primeiras semanas de 2015 este servizo, que vai afectar a 21 municipios”.
A posta en marcha deste servizo provincial é unha iniciativa moi ambiciosa, dunha gran envergadura e cun elevado nivel de esixencia, para que se desenvolva coas máximas garantías de calidade, eficacia e solvencia.
Para iso, xunto á proposta económica esixíase que as empresas presentasen un plan de viabilidade que demostre que a proposta de desenvolvemento do servizo que a empresa presenta e a súa oferta económica se adecúan e son plenamente viables.











