Os sindicatos policiais reclaman por escrito información sobre as existencias de chalecos antibalas en Vigo
Os sindicatos policiais SUP, CEP e UFP rexistraron un escrito dirixido ao delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva, ao que reclaman que lles informe sobre a existencia de chalecos antibalas na Comisaría de Vigo, ante a actitude “pouco transparente” dos responsables da devandita comisaría.
Nese escrito, os sindicatos denuncian que o pasado martes se reuniron cun técnico de prevención de riscos laborais da Xefatura Superior de Policía de Galicia que estivo catro horas na Comisaría olívica para avaliar precisamente os chalecos dispoñibles. Non obstante, despois dese tempo sen que se facilitase información aos delegados de prevención dos sindicatos, estes decidiron retirarse.
Así, SUP, UFP e CEP criticaron que, dende que, hai unha semana, co falecemento da axente Vanesa Lage nun atraco (no que tamén resultou ferido grave un subinspector), xurdiu a polémica sobre a existencia de chalecos antibalas individuais, os responsables da Comisaría de Vigo actuaron “de forma pouco clara, nada transparente e en todo momento de forma escorregadiza”.
Unha semana despois do suceso, insisten, aínda non se informou oficialmente de cántos chalecos hai dispoñibles, ou de se é certo que existen nove equipos de protección feminina, que xa estaban en stock antes do tiroteo do pasado venres, e que non foron asignados. “En caso de confirmarse ese extremo, Vanesa debería dispoñer do seu chaleco individual”, lamentaron.











