Os sindicatos denuncian que o Sergas quebranta o dereito a folga dos médicos do Meixoeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

Os sindicatos CESM Galicia e O’Mega aseguraron que o 100% dos médicos do servizo de urxencias do hospital Meixoeiro de Vigo secunda a folga indefinida -que deu comezo ás 21,00 horas do martes-, pero denunciaron que o Sergas “está a quebrantar” o dereito a folga dos profesionais.

Segundo comunicaron, na quenda de mañá hai seis médicos, dos que cinco deben cubrir os servizos mínimos. Non obstante, un dos seis traballadores encóntrase de vacacións “e o Sergas non o substituíu”. “Se algún quería ir á folga, como era o caso, non pode, porque o sexto médico non veu”, explicaron.

“É un atrevemento non contratar a ninguén no seu sitio”, remarcou o doutor Manuel Nieto, quen aseverou que este mesmo mércores acudiu un profesional para substituír a persoa de vacacións “pero o Sergas lle dixo que se fose, que o seu contrato estaba anulado”.

Así mesmo, o doutor Manuel Rodríguez Piñeiro incidiu en que “pouco a pouco increméntase a lista de espera” nas urxencias, que están “colapsadas” por acumulación de xente. “Cantos máis días pasen, peor vai ser e mais tapón vaise crear”, evidenciou.

“HAI BOAS RAZÓNS” PARA A FOLGA

Os voceiros dos sindicatos médicos fixeron fincapé en que “hai boas razóns” para facer esta folga, que non defende cuestións económicas senón que “busca a mellora asistencial dos cidadáns, para que non esperen e non estean amontoados nos corredores, e mellores condicións de traballo” para os profesionais, co fin de evitar posibles erros e “atender os pacientes nas condicións que merecen”.

“Dende hai máis dun ano” os médicos están a denunciar un aumento “importante” da carga laboral que, segundo critican, está a derivar no incremento do tempo de espera e a demora na resolución das patoloxías dos pacientes que acoden a urxencias. Trátase de problemas que se acentúan en certas quendas e días da semana, nos que o número de facultativos é inferior a outros días con carga asistencial similar, aseveraron.

O SERGAS NON O VE “LÓXICO”

Pola súa banda, fontes do Servizo Galego de Saúde indicaron que “neste momento” non hai “ningún tipo de argumento que xustifique as demandas” dos médicos, posto que, dixeron, a frecuentación -número de pacientes- e a complexidade dos casos “non variou”. “Non se incrementou, máis ben diminuíuse”, apostilaron.

Ademais, criticaron que esta folga indefinida se leve a cabo a uns meses de que se produza o cambio ao novo hospital de Vigo. “Dentro de nove meses será o traslado, e non parece lóxico cambiar agora o programa funcional cando as urxencias do Meixoeiro pechan e van ao novo hospital”, concluíron.

17 de decembro de 2014 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.