Os sindicatos denuncian camas pechadas no Chuvi mentres o Sergas afirma que é por falta de pacientes
As federacións de sanidade dos sindicatos CIG e CC.OO. denunciaron este venres que nos hospitais de Vigo hai decenas de camas pechadas e hai “colapso” nos servizos de urxencias, mentres que o Sergas rexeitou esta afirmación e dixo que o que hai son “camas libres” por falta de pacientes.
En concreto, a CIG denunciou o “colapso” que se está a producir “unha vez máis” nos servizos de urxencias dos hospitais Xeral e Meixoeiro, así como o peche da quinta planta do Xeral, “onde permanecen pechadas 25 camas”.
Así mesmo, o sindicato nacionalista asegurou que no hospital Xeral hai “60 pacientes esperando” -algúns en corredores-; e que hai “baixa ocupación” -menos do 50%-, o que relacionan coa “baixa actividade cirúrxica programada estes días” e coa “política da Xerencia de non substituír o persoal”.
Nunha rolda de prensa este venres, os representantes de CC.OO. en Vigo tamén aseguraron que “se pechan camas” no Chuvi, o que cifraron nunhas 71 camas no Meixoeiro e outras 55 no Xeral. “E hai algunhas máis esperando ingresos” de pacientes, remarcaron.
Pola súa banda, fontes do Sergas manifestaron con rotundidade que “non” hai camas pechadas nos hospitais de Vigo” e que o que hai son “moitas camas desocupadas, libres” porque Noite Boa e Nadal, son dous “dos días que máis altas hospitalarias dan para que se vaian á súa casa” os pacientes.
Estas mesmas fontes si que recoñeceron, en cambio, que se están trasladado a algúns pacientes de cuartos e plantas porque “non” ten sentido telos desperdigados”, polo que “se agruparon”. En todo caso, reiterou que non hai “ningún tipo de variación” e nos hospitais do Chuvi hai “absoluta normalidade”.
XERENCIA
Tanto CC.OO. como a CIG criticaron “o caos ao que somete este xerente” aos usuarios dos hospitais do Chuvi, e lle acusaron de que non aproveite estas festas -ao igual que o verán- para diminuír “a lista de espera que hai en Vigo, de 25.000 pacientes,”.
“A dirección, sendo coñecedora desta situación, mira para outro lado e prefire ter os usuarios amontoados en urxencias antes de ter dispoñibles todos os recursos públicos, facendo alarde da súa ‘boa xestión’, poñendo en perigo a saúde da poboación e precarizando aínda máis as condicións laborais dos profesionais da sanidade pública”, concluíu a CIG.











