Os Riazor Blues e outros 18 grupos recoñecen que a rivalidade non xustifica un asasinato
Os Riazor Blues e outros 18 grupos, entre os que se atopan os Bukaneros do Rayo Vallecano, condenaron o “asasinato” do seareiro do Deportivo da Coruña Francisco Javier Romero Taboada, coñecido como ‘Jimmy’, á vez que lembraron que a rivalidade “non poden xustificar un asasinato”.
Así se recolle nun comunicado publicado no blog dos primeiros, no que se autodenominan como ‘Riazor Blues Ultras’. O texto aparece subscrito tamén polos grupos Alkorhoolingans, Biris Norte, Brigadas Amarillas, Bukaneros, City Boys, Cornehools, Desperdicis, Frente Azul, Frente Rojiblanco, Herri Norte Taldea, Indar Baskonia, Indar Gorri, Iraultza 1921, Kol’lectiu Degà, Kolectivo Sur, Mujika Taldea, Rudes Lleida e Segovirras.
Nel, grupos vinculados a equipos de fútbol como o Alcorcón, Sevilla, Cádiz, Rayo Vallecano, Athletic de Bilbao, Osasuna, Real Sociedad ou o propio Deportivo da Coruña, así como de baloncesto, como o Vitoria, mostran a súa repulsa polos “tristes e fatídicos acontecementos ocorridos o pasado domingo na ribeira do Manzanares”.
“As nosas máis profundas condolencias á familia e amigos de Jimmy”. sinala o comunicado, no que os distintos grupos recoñecen que “ningunha rivalidade pode xustificar un asasinato” e mostran a súa disposición “a axudar á familia no que en boa medida se poida”.
O texto mostra tamén “o desprezo máis absoluto para os asasinos de Jimmy”, e lembra que é “un asasinato”. “E é por iso que o condenamos e repudiamos”, sentencian.
Ao mesmo tempo, salen ao paso das informacións que os acusan de promover a violencia. “Non somos delincuentes, somos afeccionados pasionais que, a pesar das nosas rivalidades, compartimos e mostramos unha mesma mentalidade, dentro da cal non caben feitos como este”, apostilan.
Por outra banda, finalizan o comunicado “esixindo” aos medios de comunicación que “respecten a dor da familia e amigos de Jimmy nestes duros momentos”. “Descansa en Paz Jimmy”, conclúen.











