Os poemas de Rosalía son musicados polo sexteto Tempo Catro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioMonforte de Lemos
A-
A+

O sexteto Tempo Catro actuará este venres na Casa da Cultura de Monforte, interpretando os once cantares galegos recollidos no seu traballo “Os ollos que falan. Rosalía de Castro”.

O sexteto Tempo Catro musicou once poemas da obra de Rosalía “Cantares Gallegos”, un traballo que contou coa produción da asociación Socio-Pedagóxica Galega (as.pg).

O disco mostra unha Rosalía actual e viva, capaz de comunicar con nós a través de temas como a conciencia sobre Galicia, o amor e o desamor, ou o erotismo e a sexualidade. Todos estes temas, e moitos máis, agroman nestes cantares agora feitos música con ritmos de valse, fado, salsa, mazurca, xota ou pasodobre. O proxecto busca difundir os cantares de Rosalía no ano no que se conmemora o 150 aniversario da publicación de “Cantares Gallegos”.

Tempo Catro formouse na Coruña no ano 2008, a raíz da celebración dun seminario de traballo para profundizar na música do tango contemporáneo de Astor Piazzolla. O sexteto está integrado por Suso Iglesias, acordeón; Andrés pazos, piano; Antonio Romero, contrabaixo; Pablo Salgueiro, percusión; Javi Cedrón, violín; e Begoña Lorenzo, voz.

O concerto, con entrada libre e gratuíta, celebrarase na Casa da Cultura de Monforte ás 20:00 h do venres día 12 de decembro, e está organizado pola AsociaciónSocio-Pedagóxica Galega coa colaboración do Concello de Monforte e a Vicepresidencia Primeira da Deputación de Lugo.

10 de decembro de 2014 | 11:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.