Os personaxes dos contos infantís acompañarán aos Reis Magos nunha cabalgata con máis de 1.000 figurantes na Coruña
A tenente de alcalde de Cultura, Ana Fernández, presentou esta mañá a Cabalgata de Reis, que este ano terá como fío condutor os contos infantís e os seus personaxes e na que as nenas e os nenos serán os grandes protagonistas. “Un ano máis imos facer realidade os soños de miles de nenos cunha cabalgata de contos con Caperucita Vermella e o lobo, Peter Pan, o flautista de Hamelín, a Sirenita, Pinocho, o Mago de Oz, Campanilla e as fadas, a Cincenta, Blancaneves e os sete enaniños, Hansel e Gretel, o Soldadito de chumbo ou o Libro da Selva; nun percorrido que nos levará, por primeira vez, á avenida Salvador de Madariaga e á rúa Alcalde Pérez Ardá; e que volverá encher de luces e ilusión a rúa Santiago Rey Fernández Latorre, a praza de Catro Camiños, costa da Palloza, avenida Primo de Rivera e Linares Rivas, rúa Sánchez Bregua, Cantón Pequeno, Cantón Grande, avenida da Mariña e Montoto, rotonda de Porta Real, rúa María Barbeito e praza de María Pita”.
En concreto, a Cabalgata contará con 13 carrozas, 8 treneciños e 6 compañías de animación que acompañarán ás súas Maxestades os Reis Magos de Oriente até a praza de María Pita ao longo de 1.400 metros de cabalgata e con 1.063 figurantes que desfilarán cos personaxes dos contos e Melchor, Gaspar e Baltasar. “Para recibir a estes máis de 1.000 figurantes contamos coa complicidade dos centros educativos da cidade, xa que os figurantes serán recepcionados no CEIP María Pita, na CEE Nosa Señora do Rosario e no IES Ramón Otero Pedrayo; e contamos tamén coas instalacións do CEIP Ramón da Sagra para as montaxes previas das compañías de animación”, explicou Fernández.
As súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán a as17.30 horas en coches de época ao campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, onde serán recibidos por 90 paxes reais, os artistas de Manicómicos e tres charangas que porán a nota musical. O percorrido polas rúas da cidade iniciarase ás 18.00 horas e acompañarán a comitiva 1.063 figurantes, na súa maioría nenos e nenas da cidade, e os espectáculos de animación Lles Luminóeles, Lles Gnomikys, Lles Ombres Blanches, The Mirror Family, Lles Minúscules e Manicómicos, coas charangas Compostelá, DXT e Dixie Boys, “que este ano, como gran novidade, achegarán a cabalgata aos barrios de Matogrande, Monelos, Barrio das Flores e Elviña”, lembrou.
“Lles Luminóeles sorprenderanos cunhas estruturas de gran envergadura, iluminadas, que percorrerán o ceo coruñés; Lles Gnomikys, con 8 artistas e 6 músicos, farán as delicias dos máis pequenos con números sorprendentes durante todo o percorrido; Lles Ombres Blanches presentaranos a 8 artistas cun vestiario impecable no que o branco e a luz son protagonistas; The Mirror Family é unha compañía que non deixará indiferente a ninguén, con personaxes futuristas que levan os seus corpos totalmente cubertos con espellos; Lles Minúscules, con 11 seres alados que con estruturas sorprendentes deixarán a máis dun coa boca aberta; e Manicómicos, con 48 artistas que recrearán distintos contos acompañados coa música da Charanga Compostelá, os Dixie Boys e a Charanga DXT que porán o toque musical”, explicou Fernández, quen indicou que, como é tradicional, pechará o desfile a carroza dos Bombeiros da Coruña.
A concelleira destacou que se repartirán 8 toneladas de caramelos. “Ademais, máis de 1.200 bolsas de confetis e serpentinas e 1.200 globos de led encherán as nosas rúas e acompañarannos até a praza de María Pita para o tradicional saúdo desde o balcón do Palacio Municipal dos Reis Magos a todos os coruñeses a partir das 21.00 horas”, anunciou.
“No noso compromiso coa seguridade -engadiu Fernández-, primordial na Cabalgata, contaremos con 154 monitores e repartiranse máis de 25.000 dípticos con consellos de seguridade nos centros educativos da cidade, asociacións de veciños, centros cívicos, Fórum Metropolitano e Ágora”.
A todas estas actividades sumaranse as visitas previas que os Reis Magos realizarán por toda a cidade. Así, recollerán as cartas de todos os nenos e nenas nos centros cívicos da Silva (día 16), Os Mallos (17), Elviña (22), Novoboandanza (26), Eirís (29), O Castrillón (29), San Diego (29), Mesoiro (29), Visma (29), Labañou (29), Artesáns (30), Feáns (30), Monelos (30), Pescadores (30), Monte Alto (2 de xaneiro), Os Rosales (2) e Palavea (3). Ademais, realizarán visitas a hospitais e residencias da terceira idade e a tradicional visita ao Palacio Municipal os días 2, 3 e 4 de xaneiro, en horario de 17.00 a 20.00 horas.
Papá Noel tamén pasará por distintos barrios e zonas comerciais da cidade e visitará 29 centros de educación Infantil e Primaria e escolas infantís municipais.











