Os orzamentos da Deputación de Pontevedra para o 2015 quedaron aprobados ó non se presentar reclamacións nin alegacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

Os orzamentos da Deputación de Pontevedra para o ano 2015 quedaron hoxe automaticamente aprobados ó non presentaren alegacións ou reclamacións nin grupos políticos, nin particulares nin asociacións. Mañá, 30 de decembro, as contas provinciais serán publicadas no Boletín Oficial de Pontevedra de Pontevedra (BOPPO) e o vindeiro 1 de xaneiro entrarán en vigor.

Os orzamentos da Deputación foron aprobados inicialmente o pasado 28 de novembro cunha contía de 148,4 millóns de euros (un 1,34 % máis que o ano pasado) e, transcorrido o tempo de exposición pública a efectos de alegacións ou reclamacións, non se produciu ningunha.

O Goberno provincial, formado polo Grupo Popular, foi quen de aprobar en tempo e forma as contas da Deputación para o ano 2015 sen que se presentasen alegacións contra elas e logo de chegar a acordos co resto dos grupos para fixar as liñas mestras dos orzamentos.

Neles destacan os 7 millóns de euros que se destinan a plans de emprego; os 15 millóns dedicados a programas de acción social; os 34,1 millóns para investimentos directos nos concellos; ou a consignación de 4,7 millóns para o novo estadio de Balaídos. Nos últimos cinco anos a Deputación de Pontevedra destinou 64,6 millóns a plans de emprego, que ocuparon a 8.304 persoas, converténdose nunha das institucións españolas que máis cartos dedicou a este fin.

As contas provinciais para 2015 teñen tamén a particularidade de que non incrementarán a débeda nin acudirán a créditos. Destinarán 13 millóns a amortizar a débeda, o que permitirá que, ó rematar o ano, esta sexa de 40 millóns (cando no ano 2009 acadaba os 100 millóns).

As partidas de cultura, deportes e turismo mantéñense en parámetros similares ós do ano pasado, de forma que non se reducirán axudas, programas nin investimentos.

29 de decembro de 2014 | 17:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.