Os novos empresarios fomentarán o espírito emprendedor entre os alumnos de Maristas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+
Sinatura do convenio

Sinatura do convenio

Fomentar o espírito emprendedor e a cultura empresarial a través da práctica e accións concretas é a finalidade do convenio que esta mañá asinaban Lois Babarro, presidente do Círculo de Novos Empresarios (CJE), e Anxo Muñoz, director do Colexio Plurilingüe Santa María (Maristas).

Esta iniciativa trata de ir máis aló na aprendizaxe dos mozos que cursan a ESO, para que contemplen o autoemprego e a creación dunha empresa como opcións válidas e atractivas á hora de decidir o seu futuro laboral. De feito, segundo comenta Anxo Muñoz, pretende ser un ‘complemento da materia Iniciativas Emprendedoras que teñen no curriculum académico os alumnos de 4º da ESO, ou de Economía da Empresa, que se cursa en Bacharelato’.

Para o director de Maristas supón unha oportunidade inmellorable para complementar estas materias coa experiencia de xente que en primeira persoa lles indique como e que fixeron para pór en marcha unha empresa. Ademais destas charlas, os alumnos realizarán visitas a entidades e organizacións estreitamente ligadas ao ámbito empresarial, e tamén poderán participar nas actividades que o Círculo de Novos Empresarios leva a cabo para fomentar o emprendemento. Ademais, Lois Babarro comentaba no acto de firma que ‘para aqueles alumnos que teñan inquietudes empresariais o Círculo tamén está aberto para axudarlles con diferentes dinámicas, prestarlles asesoramento ou orientalos na materialización da súa idea empresarial’.

Para cumprir o convenio, a intención de ambas as entidades é ir adecuando o programa académico dos alumnos á celebración destas actividades, de maneira que se programen en función da dinámica escolar e as necesidades de cada momento. Os novos empresarios, pola súa banda, non descartan asinar convenios deste tipo con outros centros docentes da cidade.

16 de decembro de 2014 | 17:27 • Sen comentarios

Comentarios pechados.