Os maiores de Fene comparten as súas lembranzas cos escolares

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFene
A-
A+

Carmen, Andrés, Juanjo ou Amparo son os nomes dalgúns dos maiores de Fene que, dende o pasado mes e ata que conclúa o ano, compartirán as súas lembranzas de infancia cos escolares do municipio a través do programa “Escola de Avós”, incluído no proxecto municipal de recuperación da memoria histórica de Fene “Construíndo Pontes”. O Concello, a través da Concellería de Servizos Sociais, poñíao en marcha hai tres anos grazas á colaboración económica da Deputación provincial da Coruña e, edición tras edición, gaña en participantes.

O programa, segundo o alcalde, Gumersindo Galego, permite pór en valor a contribución que os participantes fan ás xeracións máis novas e á sociedade no seu conxunto, xa que a través do mesmo os maiores comparten as súas vivencias e manteñen vivos os recordos para así estimular o debate, o intercambio de información e o potencial educativo.

O pasado 5 de novembro, no CEIP O Ramo de Barallobre, arrancaban de novo as sesións nos centros educativos e, a partir dagora, o calendario fixado establece novos encontros interxeneracionais no CEIP Os Casais e na Unitaria de Sillobre (este martes, 2 de decembro, ás 11 e 12,30 h respectivamente); CPI A Xunqueira (mércores, 3 de decembro), e CEIP Centieiras (día 9). Aínda que pendente de concretar datas, tamén se celebrará no colexio Jorge Juan. A intención do goberno que dirixe Gumersindo Galego é, en todo caso, continuar co programa no 2015.

Nestes encontros entre maiores e escolares dos últimos cursos de Primaria, os primeiros comparten as súas vivencias de nenez cos escolares e, máis concretamente, os seus tempos de escola e os xogos que tiñan na infancia. Dende a Mariola ou chapa ata o peón, as tabas ou chucas, pasando polo florón, as letras das cancións para xogar á corda ou aquelas outras para entreterse un anaco. Todos eses xogos están recollidos nunha publicación editada polo Concello este mesmo ano e que nace das sesións de traballo dos propios maiores no programa “Construíndo pontes”, nas que se recuperan as vivencias e lembranzas. Agora, coa Escola de Avós chega o momento de compartilas cos nenos e nenas dos centros educativos e poñelas en práctica, xa que os maiores non só farán exposición da súa historia senón que tamén invitarán aos cativos a abandonar a videoconsola e xogar como eles o facían hai setenta ou sesenta anos.

A dirección do programa corre por conta dunha educadora social e os maiores que estén interesados en sumarse ao programa poden anotarse no Centro Municipal de Servizos Sociais. A elo anima a concelleira de área, Juana Barro, quen asegura que o programa pretende destacar a contribución dos maiores á sociedade e fomentar o seu papel como axente activo da mesma.

1 de decembro de 2014 | 19:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.