Os interesados nos contratos de prácticas no Concello de Vilagarcía dispoñen de 20 días para presentar as solicitudes
A Deputación Provincial de Pontevedra vén de publicar as bases da convocatoria das Bolsas de Práctica Laboral nos concellos da provincia. Os interesados en acceder a algún dos 198 contratos convocados dispoñen dun prazo de 20 días naturais para presentar as súas solicitudes ante o organismo provincial, que é o que realizará a selección. O Concello de Vilagarcía solicitou a través deste plan cinco contratos nas especialidades de Ciencias Económicas ou empresariais, Traballo Social, Maxisterio, TAFAD e Informática.
As 198 bolsas de práctica laboral están destinadas a titulados universitarios ou de formación profesional que carezan de experiencia laboral previa no ámbito da súa titulación. O obxectivo deste plan é o de promover e completar a formación destes titulados en áreas de coñecemento ou actividades que poidan facilitar a súa incorporación ao mercado laboral. Ademais, as contratacións supoñen unha axuda ás administracións locais que poderán dispoñer de máis profesionais durante uns meses.
Os Concello demandaron á Deputación os titulados nas áreas que precisan de reforzo nas súas respectivas administracións. No caso de Vilagarcía, a proposta elaborada pola Concellería de Traballo e Benestar, solicitou un licenciado en Empresariais ou Económicas para realiza as labores que se sexan encomendadas no departamento de Información; un Diplomado en Traballo Social reforzará á Área de Servizos Sociais, o Grado de Maxisterio asignarase á Concellería de Educación e o licenciado en TAFAD, á de Deportes. Por último, a bolsa a cubrir polo Ciclo Superior en Informática destinarase a traballos no departamento de Emprego.
Os requisitos para acceder a este plan de emprego da Deputación figuran nas bases que se publican hoxe do BOP e que tamén se poden consultar no taboleiro de anuncios da web municipal. Entre eles e ademais de dispor das titulacións requiridas, figuran estar empadroado en calquera municipio da provincia, estar inscrito no servizo Público de Emprego como demandante ou en mellora de emprego, non ter experiencia laboral previa na profesión na que está titulado, acreditar os correspondentes niveis de coñecemento da lingua galega Celga e estar disposto a asumir os gastos de desprazamento ó centro de traballo no caso de que lle corresponda un destino diferente ao da súa localidade de residencia.
Os contratos de práctica laboral terán unha duración de 6 meses, prorrogables outros 6 e a dotación económica das bolsas será de 800 euros ó mes para os titulados universitarios e de 700 para os de ciclos superiores de formación profesional.
Trámite
Para poder acceder á convocatoria deste Plan será necesario realizar unha preinscrición a través da páxina web da Deputación (www.depo.es) cubrindo o modelo oficial de solicitude que figura no anexo I das bases. Unha vez cumprimentado e “enviado” electronicamente debe imprimirse o xustificante electrónico que inclúe un código de preinscrición. Este xustificante deberá presentarse posteriormente no Rexistro da Deputación xunto coa documentación que se especifica nas bases.
O prazo para realizar este trámite é de 20 días naturais a contar a partir do día seguinte ao da publicación das bases no BOP, é dicir, a partir de mañá, 23 de decembro.











