Os emprendedores do Baixo Miño coñecen as axudas e servizos para consolidar novos proxectos empresariais
Técnicos do Igape participarán mañá, xoves 18 de decembro, no obradoiro de autoemprego e cooperativismo que se desenvolverá en Tui (Edifico Área Panorámica, Colón, 2), co obxectivo de informar polo miúdo sobre o amplo abano de servizos e axudas que ofrece a Consellería de Economía e Industria para facilitar a posta en marcha e o desenvolvemento de novos proxectos empresariais.
No marco do obradoiro impulsado pola Deputación de Pontevedra a través do seu Proxecto Aquelando3, o Obradoiro do Concello de Tui acollerá o seminario no que mañá participarán, a partir das 12 horas, os técnicos do Igape para informar sobre os servizos e as axudas que se facilitan para apoiar cada fase do emprendemento, desde o nacemento da idea ata o crecemento e a internacionalización das novas empresas.
A Consellería de Economía e Industria está a ampliar e reforzar os instrumentos de asesoramento e apoio ao emprendemento a través da Unidade Galicia Emprende, que aglutina e coordina todos os servizos, as ferramentas e as liñas de axuda para impulsar a posta en marcha e a consolidación de novos proxectos empresariais, no ámbito do desenvolvemento da Lei de Emprendemento e da competitividade de Galicia.
Para reforzar o financiamento de novos proxectos, a Xunta está a promover a creación da Rede galega de investidores privados, unha plataforma para facilitar a confluencia e a mellor coordinación de recursos públicos e privados, facilitando o cofinanciamento de novas empresas.
A través do Igape tamén se está a reforzar a Rede Galega de Mentores, integrando xestores expertos que colaboran de modo altruísta para asegurar o crecemento das novas empresas para apoiar a súa consolidación e a internacionalización, e adiantou a creación dunha rede de viveiros para facer posible que emprendedores que o precisen atopen un aloxamento inicial axeitado para as súas necesidades.











