Os emigrantes retornados insisten en que se cambie a lei e advirten que continuarán coas mobilizacións

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press
Concentración de emigrantes retornados

Concentración de emigrantes retornados

Unha vintena de emigrantes retornados volveu concentrarse este martes ante as portas da Delegación de Facenda de Santiago de Compostela para reclamar que se modifique a lei 35/2006 e que lles obriga a tributar a partir de 11.000 euros por contar con dúas pensións, unha delas do estranxeiro, malia que o máximo exento para o resto de xubilados é de 22.000 euros.

Neste sentido, e en declaracións aos medios, o voceiro do colectivo de afectados (en Galicia suman uns 250.000) de Santiago, Manuel Domínguez, explicou que se trata dunha “penalización” aos traballadores que saíron de Galicia para traballar e denuncia que se produce unha “discriminación” por este feito.

Ao respecto, advertiu de que os emigrantes retornados seguirán as mobilizacións con ou sen lei mordaza”, coa que mostrou as súas discrepancias, malia que, remarcou, o colectivo ao que representa é “pacífico” e porque as súas “forzas non dan para facer cousas extraordinarias”.

Manuel Domínguez tamén asegurou que volverán insistir ante os representantes políticos e institucións como o Valedor do Pobo, onde xa estiveron pero “non fixo nada”.

“Insistiremos para que se nos oia e sempre presión na rúa. Onde haxa un político, estaremos a recordar que os deputados do PP aquí poden votar unha cousa, pero despois no Congreso en Madrid votan outra. Dirémosllo á xente, no momento en que haxa eleccións, para que nos continúen enganando”, explicou.

A problemática deste colectivo débese a unha inspección realizada polo Ministerio de Facenda, relativa ao período 2008-2012, e que lle supuxo a reclamación de contías a retornados de entre os 3.000 aos 16.000 euros e mesmo 30.000 ou 40.000, nalgúns casos, o que supón unha media de 10.000 euros para pensións de 900 euros.

TEME QUE NON SE COBREN

Ademais, a Administración impúxolles multas e xuros de mora, algo que, tras as reclamacións e protestas dos afectados, que empezaron hai ano e medio, foi cambiado e váiselles devolver, pero teme que haxa xente que quede “sen cobralas”. “O que fan é devolver parte do que nós consideramos un roubo”, manifestou.

Neste sentido, advertiu de que, a partir de xaneiro, queren “regularizar o roubo”, xa que se manterá o máximo exento máis baixo para os retornados que para o resto de xubilados. Non obstante, é “cínico”, ao seu xuízo, que se diga que se cambiou algo.

“Somos xente pacífica, pero tamén acostumada a traballar como negros; e estamos dispostos a chegar a onde faga falta, con lei mordaza ou sen ela”, abundou Domínguez.

Os emigrantes retornados, que tamén recorreron á xustiza, aseguran que as multas as pagaron para evitar “hipotecados ou embargos” de Facenda.

16 de decembro de 2014 | 12:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.