Os cursos de conversa en inglés “what’s up?” regresan a Vilagarcía en xaneiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Despois da boa acollida da primeira edición do programa “What’s Up?” a Concellería de Xuventude iniciará a programación do novo ano coa organización de outros dous cursos de conversa en inglés para mozos de 16 a 35 anos. A inscrición é gratuíta e as clases comezarán en xaneiro. Ofértase 15 prazas para un grupo de nivel inicial e outras 15 para o de nivel medio. O prazo de inscrición ábrese o mércores, 18 de decembro e pecharase o día 29. O profesor nativo Ian Barry será o encargado de impartir a actividade formativa.

Con esta iniciativa, a concellería que dirixe Sandra García Roma pretende facilitar á mocidade a apertura de novos camiños no mercado de traballo, nun momento no que o dominio de varias linguas supón un instrumento básico para a mellora das posibilidades de inserción laboral ou mellora de emprego, xa que debido á intensificacións das transaccións comerciais, cada vez son máis as empresas nacionais que demandan traballadores con coñecemento de idiomas, especialmente de inglés; ademais da utilidade que o coñecemento desta lingua ten para o sector turístico local de cara á unha maior internacionalización da súa clientela.

A Concellería de Xuventude prtende promover o coñecemento do inglés entre a mocidade, de aí que ademais de organizar unha nova edición do programa “What’s Up?”, faga un esforzo especial nesta ocasión asumindo o custe íntegro da actividade para que os alumnos poidan participar de balde.

Os cursos teñen unha duración de 30 horas lectivas que se impartirán entre xaneiro e abril nos seminarios 1 e 2 do Auditorio. As clases desenvolverán contidos teóricos pero sobre todo prácticos a efectos de que os alumnos melloren as súas habilidades comunicativas en lingua inglesa mediante a conversa.  A través do curso, os alumnos poderán perfeccionar a súa competencia lingüística, coñecer e utilizar correctamente o ritmo, entoación e acento nunha conversa, adquirir os coñecementos básicos sobre os verbos en inglés e aprender vocabulario útil para o día a día, así como memorizar as expresións máis comúns usadas para falar de pertenzas ou cantidades.

O curso básico impartirase os luns e xoves, a partir do 12 de xaneiro, en sesións de hora e media de duración, e co horario de 20.30 a 22 horas. Os alumnos de nivel medio terán clase a partir do 9 de xaneiro, todos os mércores e venres, en horario de 19:30 a 21:00 horas.

Ademais de estar incluído no grupo de idade de entre 16 e 35 anos, os demais requisitos para poder participar nos cursos “What’s Up?” son estar empadroado en Vilagarcía e dispor do certificado ESO, equivalente, acreditación nivel A2 de EOI, para o curso de nivel básico; e para o de nivel medio, será preciso contar co título de Bacharelato, equivalente, acreditación nivel B2 ou superior de EOI.

Ao remate da actividade formativa, a Concellería expedirá aos alumnos un Certificado de Aproveitamento, para o cal será imprescindible ter asistido 80% da totalidade das horas lectivas, así como superar as distintas probas que se realicen durante a actividade.

As persoas interesadas en participar no programa de conversa “What’s Up” deberán presentar a solicitude de inscrición entre o 18 e o 29 de decembro no Rexistro Xeral do Concello de 8.30 a 14.30  e de 17.00 a 20.00 horas de luns a venres e os sábados de 10.00 a 13.00 h. As bases e o formulario de inscrición poderanse consultar e imprimir no taboleiro de anuncios da web municipal http://www.vilagarcia.es ou solicitar na OMIX, situada no Concello. O día 7 de xaneiro publicarase a listaxe definitiva de admitidos.

11 de decembro de 2014 | 11:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.