Os cursos Actívate impartidos en Mos beneficiaron a 35 persoas
A deputada provincial Marta Iglesias visitou Mos para asistir á clausura dos cursos Actívate da Deputación de Pontevedra acompañada pola concelleira de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón, responsable da administración local de organizar estas dúa accións formativas sobre linguaxe de signos e reparacións domésticas de fontanería, albanelería e carpintería. O acto de clausura celebrouse nas instalacións da Axencia de Colocación de Mos, o mesmo lugar no que se impartiron as clases.
Os beneficiarios foron mozos e mozas de 16 a 35 anos, ambos incluídos. Participaron un total de 35 persoas: 15 almunos/as no curso de linguaxe de signos e 20 alumnos/as no de reparacións domésticas basicas. Estas actividades formativas realizáronse en colaboración coa Deputación de Pontevedra, sendo esta a encargada de subvencionar o 100% do custo das actividades. O Concello de Mos cedeu as instalacións da Axencia Local de Colocación para a realización da formación.
Os obxectivos destes cursos son desenvolver actividades formativas e educativas no ámbito do lecer e tempo libre, que sexan de interese xuvenil e respondan ás demandas da xente nova da nosa provincia, realizar cursos de formación dirixidos a mellorar as competencias profesionais dos nosos xoves co obxectivo de posibilitar e incrementar as súas posibilidades do acceso ó mundo laboral.
No caso concreto do curso de linguaxe de signos a finalidade era ofertar a maior variedade formativa posible á mocidade, utilizar as convencións lingüísticas das persoas xordas (saúdos, despedidas e presentacións para eliminar as barreiras de comunicación), coñecer e valorar os aspectos máis relevantes da idiosincrasia das persoas xordas, e coñecer e valorar a situación actual do colectivo de persoas xordas en diferentes ámbitos. O número de persoas levaron a cabo o curso de linguaxe de signos foi de 15 alumnos/as. O horario do curso foi de tarde, de 16.30 horas a 20.30 horas os martes, mércores e xoves.
E no caso do curso de reparacións domésticas de fontanería, albanelería e carpintería pretendíase adquirir coñecementos de substitución de billas e arranxo de avarías, realizar traballos simples de albanelería enfocados a pequenas reparacións, capacitar ó alumno para substituír portas, ventás, cristais, así coma os traballos de mantemento en carpintería, e coñecementos básicos sobre a electricidade e instalacións eléctricas.
Ambos cursos foron de 40 horas de duración.











