Os Bukaneros negan a súa implicación na liorta do domingo nin colectiva nin individualmente
O grupo de afeccionados do Rayo Vallecano Bukaneros negou “rotundamente” calquera implicación “nin colectiva nin individual” na liorta do pasado domingo entre afeccionados do Atlético de Madrid e do Deportivo en Madrid Río, e mostrou a súa “completa solidariedade e total apoio” á familia de Javier Romero Taboada, coñecido como ‘Jimmy’.
A Xefatura Superior da Policía de Madrid arrestou 21 afeccionados que participaron na liorta en Madrid Río e difundiu que dous deles pertencían a Bukaneros, extremo negado este xoves polo grupo de afeccionados rayistas.
“Lamentamos profundamente os feitos acontecidos o domingo nas inmediacións do Vicente Calderón e condenamos enerxicamente o asasinato de Jimmy. Negamos rotundamente a nosa participación nos altercados. Bukaneros non participou nin colectiva nin individualmente na liorta”, asegurou un voceiro de Bukaneros nunha comparecencia ás portas do Estadio de Vallecas, secundado por unha vintena de integrantes do grupo que cubrían os seus rostros con carapuchas e bufandas.
“Invitamos ao club a que defenda a imaxe da súa afección e co listado de socios demostre que non houbo implicados nos altercados do domingo”, pediu o devandito voceiro, quen asegurou que están a ser “vítimas dunha campaña de difamación e dunha persecución mediática”.
“Cremos que esta campaña responde a un intento de lavado de cara ante unha actuación vergonzosa da Delegación do Goberno, unha auténtica chapuza no dispositivo de seguridade do partido do domingo que tivo como resultado a morte dun afeccionado do Deportivo, denunciou o afeccionado, despois de resaltar a “completa solidariedade e total apoio” de Bukaneros á familia e os amigos de ‘Jimmy’.
“É unha relación que en ningún momento quixemos ocultar, que en todo momento levamos por bandeira e da que estamos orgullosos. Son nosos amigos, noso compañeiros, e cremos que é un acto de solidariedade do que non nos podemos evadir. Ofrecémoslles todo o noso apoio independentemente do acontecido”, resolveu.











