Os Bolechas estarán nas cabalgatas reais da Coruña, Ourense e Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal PortadaOurenseVigo
A-
A+
Autocar dos Bolechas

Autocar dos Bolechas

Os Bolechas volverán acompañar, como xa fixeran o ano pasado, ás Súas Maxestades Os Reis Magos de Oriente nalgunhas das cabalgatas reais que percorrerán Galicia o vindeiro luns, 5 de xaneiro. Igual que os propios Reis, Os Bolechas multiplicaranse para estaren ao completo nas dúas citas e saudar ás nenas e nenos galegos neste día tan especial.

Nesta ocasión os seis irmáns e o seu can, Chispa, estarán nos desfiles que terán lugar na Coruña, en Ourense e en Vigo. Na Coruña Os Bolechas da tele irán no autobús da Televisión de Galicia xunto con outros dos protagonistas da canle autonómica. As súas Maxestades Melchor, Gaspar e Baltasar chegarán ás 17.30 h en coches de época ao campo de fútbol Víctor Fernández Alonso, onde serán recibidos por 90 paxes reais e diversos artistas e charangas. Ás 18.00 h partirán polas rúas da cidade para saudar a todas as nenas e nenos.

En Ourense todos os Bolechas corpóreos e o seu R4 acompañarán aos Reis Magos desde a saída na Estación Empalme ás 17.30 h ata a Praza Maior. Percorrerán as rúas Avenida das Caldas, Ponte Romana, Progreso e Dr. Marañón poñendo música e cor á noite máis máxica do ano.

E en Vigo tamén estarán os seis irmáns e Chispa, en forma de bonecos corpóreos. Sairán no espectacular autobús de dous pisos dos Bolechas que irá precedido do novo coche de bombeiros conducido por Tatá e no que irá tamén Chispa, un dos personaxes favoritos das nenas e nenos galegos. Toda a caravana Bolechas formará parte da cabalgata que sairá ás 18.00 horas do nó de Isaac Peral e irá por García Barbón e Policarpo Sanz ata alcanzar a Porta do Sol. Dende alí pasarán por Elduayen para rematar no Paseo de Alfonso, onde rematará o percorrido sobre as 20.00 horas.

Presentación para Portugal desde Vigo

Pero Os Bolechas aínda visitarán Vigo antes da cabalgata de Reis. Farano este mesmo sábado, 3 de xaneiro, para participar no programa de televisión Aquí Portugal que emitirán simultaneamente a RTP (Radio Televisão Portuguesa) e a Televisión de Galicia.

Trátase da segunda edición deste formato que busca estreitar as relacións entre Galicia e Portugal a través do medio televisivo. A primeira experiencia tivo lugar desde Ourense en setembro e foi emitida en directo polas primeiras canles terrestres de ambos os dous países así como pola RTP Internacional –que leva o sinal ás comunidades lusófonas de todo o mundo–, así como polas canles TVG Europa e TVG América.

Nesta segunda experiencia o espectáculo será emitido fronte ao centro comercial A Laxe, instalado nun peirao do porto vigués e alí estarán Os Bolechas presentando a súa serie de televisión ás familias portuguesas, xa que a partir do día de Reis todo Portugal –e tamén os países lusófonos afircanos– poderán ver diariamente os populares personaxes infantís a través da RTP e da RTP África.

Web propia dos Bochechas

A serie emitirase no país veciño co nome de Os Bochechas, como son alí coñecidos estes personaxes. Xunto coa serie de televisión presentarase tamén a nova páxina web en portugués, osbochechas.pt, para que as nenas e nenos do país poidan gozar das actividades e xogos que xa teñen os galegos e facerse socios do Club dos Bolechas que lles permitirá acceder a contido exclusivo.

A nova páxina web inclúe material pedagóxico destinado a educadores e pais para que poidan traballar diversos contidos. Ademais terán información sobre todo o relacionado co Universo Bolechas, desde novos títulos ata discos, produtos, espectáculos etc. Ademais da web, Os Bochechas terán as súas redes sociais propias en Facebook e Twitter.

31 de decembro de 2014 | 11:43 • Sen comentarios

Comentarios pechados.