Once medallas galegas no Campionato de España de clubs de combate sénior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+
Katia Calvar no podio

Katia Calvar no podio

A xornada do domingo finalizou con once medallas para as e os deportistas galegos no Campionato de España de Clubs de Combate Sénior. O mellor resultado foi para Katia Calvar (-67) quen logrou a medalla de ouro, tras realizar un magnífico campionato. O resto das medallas foron dez bronces e non houbo preseas galegas na categoría de clubs. Así, a gran triunfadora galega na xornada de hoxe foi Katia Calvar (Mat´s) quen logrou o título no peso de -67 quilogramos.

E non foi un camiño fácil para a deportista. Na primeira rolda eliminou con bastante superioridade á Cristina López (San Agustín), para enfrontarse nos cuartos de final á Lúa Piñeiro (Natural Sport Videlgi). Foi un enfrontamento durísimo e moi apertado que se tivo que decidir no punto de ouro a favor da taekwondista do Mat´s. E seguiu dando pasos adiante contra outra galega, Odhra Di Martino (Hebe) a que eliminou nas semifinais. No último e definitivo combate gañou a María Díaz (Crazy Jumpers) e acadou unha merecida medalla de ouro. Ademais, houbo dez bronces galegos. Na categoría feminina as premiadas foron: Laura Lorenzo (Tao, -46), Marta Iglesias (Patiño Moaña, -57), Odhra Di-Martino (Hebe, -67) e Natalia Vázquez (Suh Sport, +73). Na categoría masculina recibiron os bronces Borja Ríos (Hebe, -58), Fernando Rascado (Natural Sport Videlgi, -74), Raul Cancelas (Patiño Moaña, -74), Cristian Conde (As Sport, -80), Ángel Parada (Natural Sport Videlgi, -80) e José Real (Natural Sport Videlgi, -87). Na clasificación de clubs non houbo premio para os galegos. Proclamouse campión de España A. Muñoz Monteoliva, mentres que a segunda posición foi para Sánchez Elez-Sanabria e o terceiro clasificado foi o Taekwondo Miguel Orts.

A xornada de hoxe, que comezou un pouco máis tarde, finalizou sobre ás seis da tarde, ao decidir a organización de acordo cos deportistas non interromper a competición durante a comida, para favorecer a volta a casa dos competidores. Freestyle e exhibición. Maña celebrarase a cuarta e última xornada deste Campionato de España de Clubs de Taekwondo, que reuniu en Pontevedra a máis de 1.500 deportistas. O luns 8 de decembro a competición desenvolverase pola maña, comezando ás oito da mañá coa competición de freestyle (unha modalidade de nova creación que combina técnica con coreografía e música) e continuando sobre as 09:30 horas, coa exhibición (infantil e adulto). Galicia terá unha importante participación en exhibición, con cinco clubs no torneo adulto e once no infantil. Habitualmente, os clubs galegos mandan nesta modalidade do taekwondo e confían en volver a dar espectáculo sobre o tapiz.

7 de decembro de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.