Oleiros inclúe dous obradoiros no programa de actividades do Nadal
O Concello de Oleiros programou para este Nadal un completo programa de actividades baixo o lema Días de Nadal, Agasallos de Cultura, onde a través de diferentes disciplinas artísticas como a música, o teatro, as artes plásticas, a alimentación e a saúde, fagan que estes días sexan tempo de festa, de convivencia e divertimento para todos aqueles que queiran participar. Dentro deste programa inclúense dous obradoiros que necesitan inscrición previa. As prazas para estes obradoiros serán limitadas por rigorosa orde de inscrición. As solicitudes poden presentarse nas instalacións da Fábrica en horario de mañá. Os obradoiros ofertados son os seguintes:
Obradoiro de pintura e movemento O teatro das cores e as cores móvense no Nadal
Luns 22 e martes 23 de decembro na Fábrica de 11.30 a 13.30 horas
Consiste en achegarnos á arte contemporánea a través do movemento corporal, onde as cores son as protagonistas. O obradoiro vai dirixido a rapazas e rapaces de 6 a 12 anos. A persoa encargada de dirixir o taller é Fabiana Gastaldello, persoa cunha grande formación artística, graduada pola Universidade da Sorbonne, actualmente sigue colaborando coa Scala d Milán e dirixe proxectos tanto en Francia como en Italia. Este obradoiro rematará cun espectáculo músico-teatral Andersen! o luns 22 ás 18.30 horas.
Obradoiro de educación para a saúde no Nadal Que nos piden os Reis Magos
Luns día 5 de xaneiro de 11.30 a 13.30 horas na Fábrica
Obradoiro dirixido por Rosa Mª López Encinas, experta en Nutrición e Planificación Dietética e adestradora nutricional, para nenos e nenas con idades entre 6 e 12 anos. A través dunha fábula os participantes coñecerán a problemática da alimentación actual, a importancia da alimentación no rendemento físico e intelectual, os erros e as carencias pero centrándose na temática do Nadal. Expoñeranse as grandes preocupacións dos Reis Magos en relación coa comida lixo, a onde van parar os restos de comida, a petición de xoguetes que non incentivan a actividade física, etc. Ao final os participantes terán que decidir que alimentos deixar aos Reis Magos na máxica noite de Reis.











