Oleiros acolle “A cantar con María Fumaça” na Fábrica
O auditorio da Fábrica acolle mañá martes 23 de decembro de 2014, ás 19:00 h “A Cantar con María Fumaça”, un proxecto musical de celebración da vida, promovido pola Rede de Dinamización Lingüística a través da Secretaría Xeral de Política Lingüística, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello.
María Fumaça naceu como unha idea de Uxía para agasallar a Ruí, o seu afillado, un neno marabilloso que ten unha discapacidade, polo que este proxecto mostra que a diferenza, vivida con normalidade, amplía os nosos horizontes e fai o noso mundo máis grande.
Neste espectáculo contaremos coa participación e dirección de Uxía, acompañada ao acordeón de Santiago Cribeiro e a guitarra e voz de Héctor Lorenzo. Con María Fumaça cantaremos e bailaremos, espallando a nosa lingua e contaxiando a nosa alegría de vivir.
O espectáculo para público familiar, ten unha duración de 60 minutos. A entrada é gratuíta ata completar a capacidade da sala.











