Obradoiros para escolares durante as vacacións de Nadal na Aula de Natureza de Oira
A Concellería de Educación do Concello de Ourense organiza un programa de actividades de Nadal para escolares na Aula de Natureza Municipal, sita en Oira. Nenos e nenas terán a oportunidade de desfrutar durante as súas vacacións de Nadal de diferentes propostas lúdicas e formativas, como obradoiros de manualidades, elaboración de xoguetes reutilizando diferentes materiais, charlas divulgativas sobre o tratamento dos residuos e a reciclaxe, e horticultura, na horta deste equipamento municipal.
As actividades serán os días 22, 23, 26, 29 e 30 de decembro e 2, 5, 7 e 8 de xaneiro, en horario de mañá e tarde, de 10:00 a 13:00 horas e de 16:00 a 19:00 horas.
O programa conta con 20 prazas e as persoas interesadas poden inscribirse ata o mércores, día 10 de decembro. A taxa é de 10 euros, que se deben ingresar na conta de Abanca “Aula de Natureza. Obradoiro de Nadal 2014/2015”.
Nestas actividades, nenos e nenas tomarán conciencia da importancia da redución de residuos (envases), a reutilización e a reciclaxe cando sexa posible dos residuos. Tamén coñecerán as fases da reciclaxe resaltando a importancia da separación en orixe, aprenderán a atopar outro uso para as cousas que xa non se utilizan e estimular aos rapaces e ás rapazas para que desenvolvan a súa imaxinación artística.











