O VII Torneo de Fútbol de Nadal de Vigo reunirá a 2.380 nenos de 140 equipos da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaPontevedraVigo
A-
A+

O vicepresidente da Deputación de Pontevedra José Manuel Figueroa presentou esta mañá a sétima edición do Torneo de Fútbol de Nadal, organizado pola Administración provincial en Vigo e no que participarán, nesta ocasión, 140 equipos da comarca.

Figueroa destacou a inscrición de 2.380 nenos das categorías prebenxamín, benxamín e alevín, que competirán os días 29 e 30 de decembro, e o 2, 3 e 4 de xaneiro. Segundo explicou o vicepresidente da Deputación, durante as tres primeiras xornadas do certame disputaranse 60 encontros diarios, o que ofrecerá “un espectáculo masivo e garantido tanto para os deportistas coma para o público en xeral”.

Enrique González, o delegado da Federación Galega de Fútbol en Vigo, agradeceu o esforzo da Deputación na organización do evento, por sétimo ano consecutivo, e subliñou o “novidoso” do sistema de clasificación, cunha final de oito equipos que disputarán o primeiro posto na última xornada da competición. Na súa opinión este método “permitirá unha maior axilidade e vistosidade para os equipos, os xogadores e o público”.

O torneo terá lugar nos campos de fútbol de Atios e Cotorrón (ambos os dous en Mos), Cotogrande 1-2, A Guía, Matamá, Meixueiro, O Porriño, Castrelos e Sárdoma.

No acto de presentación, que tivo lugar esta mañá na sede da Deputación en Vigo, estiveron presentes o delegado de Deportes da Xunta de Galicia, Daniel Benavides, e a deputada provincial Marta Iglesias, ademais dunha decena de representantes de clubs vigueses que participarán no torneo.

Daniel Benavides agradeceu o esforzo da Deputación para organizar e desenvolver probas para os mozos deportistas.

José Manuel Figueroa aproveitou a cita para lembrar “o esforzo da Deputación pola promoción do deporte base de Vigo”. Destacou, neste sentido, a construción dos 14 campos de fútbol habilitados pola Deputación no municipio ou a remodelación integral acometida no campo federativo de Coia, a piques de inaugurarse, así como a posta en marcha, durante os últimos anos, de 274 escolas deportivas nas que máis de 30.000 nenos (8.000 da área de Vigo) practican ata unha vintena de disciplinas deportivas.

Tamén anunciou que seguen en marcha os traballos de mantemento nos campos de fútbol máis necesitados de reformas e melloras na cidade, así como o recente convenio subscrito co Concello de Vigo para a reforma integral do estadio de Balaídos, para o que a Deputación xa ten consignado, entre os anos 2014 e 2015, un total de 4,7 millóns de euros, á espera de que o Concello presente o proxecto e achegue unha cantidade idéntica.

26 de decembro de 2014 | 16:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.