O Valedor do Pobo de Galicia será o relator nos actos conmemorativos do aniversario da Constitución Española en Ferrol
O alcalde de Ferrol, Jose Manuel Rey Varela, presidirá mañá venres, día 5, os actos institucionais conmemorativos do XXXVI aniversario da Constitución Española que se desenvolverán no Pazo Municipal a partir das 20.00 horas. O Valedor do Pobo de Galicia e profesor titular de Dereito Constitucional na Universidade de Santiago de Compostela, José Julio Fernández Rodríguez, impartirá no Salón de Recepcións unha conferencia baixo o título: “Dereitos Humanos, Dereitos Fundamentais, Dereitos Constitucionais”. Cómpre sinalar que Fernández Rodríguez, tense especializado en cuestións como os dereitos dos menores ou os derivados da implantación das novas tecnoloxías e a sociedade da información.
Tras a conferencia, como vén sendo habitual nesta conmemoración, o rexedor ferrolán e o Valedor do Pobo participarán nun encontro cos convidados ao acto no Salón de Recepcións. O Concello de Ferrol cursará convite a esta cerimonia de festexo do XXXVI aniversario da nosa Carta Magna a autoridades civís e militares da cidade, así como a cargo electos nas diferentes Cámaras Lexislativas -deputados provinciais e autonómicos e parlamentarios nacionais-: e a representantes do tecido social de Ferrol –asociación de veciños, deportivas, culturais, sociais, etc…-.
Currículo do relatorio
José Julio Fernández Rodríguez desempeña as funcións de Valedor do Pobo da Comunidade Autónoma de Galicia dende o desde o 25 de maio de 2012 despois de que a Comisión de Peticións do Parlamento de Galicia (DOG núm. 99, do 25 de maio de 2012) acordase que asumise estas funcións con carácter de interinidade. Ata ese momento, José Julio Fernández Rodríguez desempeñara responsabilidades propias do seu cargo de Vicevaledor 1º, para o que foi nomeado en agosto de 2007, téndose especializado en cuestións como os dereitos dos menores ou os derivados da implantación das novas tecnoloxías e a sociedade da información.
Nado en A Rúa en 1970, o Valedor do Pobo en funcións é Doutor en Dereito e conta, ademais, coas licenciaturas en Dereito (con premio extraordinario) , Ciencias Políticas e Sociais, Xornalismo, e Comunicación Audiovisual. Tamén posúe o Diplomado en Estudios de Seguridade e Defensa.
A formación académica e investigadora de José Julio Fernández nútrese de diversas estadías nas universidades de Bolonia, Pisa, París I (Panthéon-Sorbonne), Aix-Marseille III, Robert Schuman (Estrasburgo), Católica de Lovaina, Colonia, Albert Ludwig de Friburgo i. B., Bayreuth, Nacional Autónoma de México, São Paulo e Lisboa. Tamén ampliou estudos e investigou nos tribunais constitucionais español e portugués, no Centro de Estudios Políticos e Constitucionales (Madrid), e no Max-Planck-Institut für ausländisches öffentliches Recht und Völkerrech (Heidelberg).
Na súa actividade científica, intensa e de elevado impacto, presta especial atención aos temas relacionados cos dereitos fundamentais. Deste xeito, os seus libros, capítulos de libros e artigos en revistas científicas superan os cento cincuenta, vendo a luz en trece países diferentes e en sete idiomas. Nas súas liñas de investigación destacan aquelas nas que se analizan diversos aspectos dos dereitos humanos, buscando solucións innovadoras para mellorar a súa eficacia. Como exemplo podense citar os estudios sobre a falta de desenvolvemento da Constitución, os retos que orixina Internet para a garantía e aplicación dos dereitos, a actualización da jurisdicción constitucional, a búsqueda dun adecuado equilibrio entre os conceptos de seguridade e liberdade, e a renovación das defensorías do pobo para manter a súa eficacia na defensa dos dereitos.
Asimesmo, José Julio Fernández é conferenciante habitual en eventos académicos e asiste como ponente a congresos nacionais e internacionais. Tamén impartiu un elevado número de cursos de posgrao en moi diferentes países e universidades, e asistiu como experto xurídico independente a misións internacionais. No ámbito da xestión, posúe una ampla experiencia na organización de cursos, xornadas, congresos e seminarios, ademais de ser o Director do Centro de Estudios de Seguridade da USC-CESEDEN. Toda esta actividade permitiulle obter diversos recoñecementos honorarios en España e no continente americano, entre os que destaca a Cruz do Mérito Naval con distintivo branco do Reino de España e o doctorado honoris causa pola Universidade Antonio Guillermo Urrelu.











