O transporte urbano da Coruña prestará servizo en Meicende nos vindeiros meses
A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, subliñou hoxe que a Xunta está en condicións de asegurarlles aos veciños de Meicende que nos vindeiros meses o transporte urbano da Coruña prestará servizo na súa localidade, con todas as garantías xurídicas e legais. Así o manifestou hoxe a conselleira durante a súa intervención no pleno do Parlamento de Galicia.
Ethel Vázquez indicou que o Goberno galego xa iniciou o convenio de colaboración cos concellos da Coruña e Arteixo para que o transporte urbano da cidade herculina preste tamén servizo ao núcleo de Meicende no horizonte inmediato e para que o transporte metropolitano procedente desa localidade de Arteixo chegue ata o centro da Coruña.
A titular de Infraestruturas destacou que o Goberno galego, responsable da maior aposta polo transporte público da historia da comunidade, xa activou outras medidas para mellorar a mobilidade desta zona. Neste sentido, a Consellería de Medio Ambiente puxo a disposición dos veciños desde o ano 2011 o servizo de transporte metropolitano, que lles permite viaxar ata a cidade da Coruña e ao resto de concellos da área con tarifas subvencionadas. No caso de Meicende, grazas á tarxeta metropolitana, os cidadáns aforran un 45% nos seus desprazamentos á Coruña e teñen transbordos gratuítos no urbano. Isto supón un aforro de máis de 900 euros ao ano.
Ethel Vázquez sinalou que a Xunta tamén incorporou melloras adicionais nese servizo metropolitano para adaptalo ás necesidades reais dos habitantes de Meicende e facilitando que ese autobús interurbano chegue ata o centro da Coruña.
Vázquez explicou que o Goberno galego entende que as necesidades dos cidadáns non poden verse frustradas polos corsés administrativos e que cómpre adecuar os servizos á realidade. Precisou que malia que o núcleo de Meicende se atopa fóra do termo municipal do concello da Coruña, está en clara continuidade con este e dentro do seu cinto metropolitano, e que como tal, alberga na actualidade un importante volume de veciños e unha relevante actividade económica que xera unha demanda de mobilidade recorrente que precisa ser satisfeita.
Ethel Vázquez sinalou que a Xunta está convencida de que en “supostos singulares” como o de Meicende cómpre facilitarlle ao usuario a escolla do modo de transporte que lle resulte máis vantaxoso, tanto o metropolitano como o urbano, e para iso se está a traballar cos dous concellos na habilitación legal necesaria.
A responsable de Territorio indicou que o Goberno galego aposta polo transporte público como un impulso da actividade económica e unha garantía de que os cidadáns acceden aos lugares de traballo e aos servizos nas condicións necesarias.
A conselleira de Medio Ambiente reiterou o compromiso da Xunta coas necesidades de mobilidade dos cidadáns, tal como amosa a implantación do Transporte Metropolitano dende 2011, que ten permitido máis de 38 millóns de billetes bonificados, unha retirada de preto de 11.000 vehículos/día nas áreas nas que está implantado e a diminución de máis de 7,5 toneladas de emisións de CO2 á atmosfera cada día.
A Xunta segue a traballar para impulsar o Plan de Transporte Metropolitano noutras áreas da comunidade, polo que os orzamentos para o vindeiro ano recollen un incremento de máis de case o 43% do investimento neste plan. Así, este programa, que actualmente beneficia a máis de 900.000 cidadáns, contará o vindeiro ano cos recursos e coa vontade da Xunta para seguir estendéndose e chegar ás sete áreas metropolitanas galegas, duplicando o número de concellos e de usuarios.











