O SUP en Galicia afirma que se comunicou o desprazamento dun mínimo de 50 seguidores de Riazor Blues
O comité federal territorial do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia manifestou que, dende a Xefatura Superior de Policía nesta comunidade autónoma, se enviou “en tempo e forma” á Oficina Nacional de Deportes o desprazamento “dun mínimo” de 50 seguidores de Riazor Blues.
Nun comunicado, e en relación a incidentes que acabaron coa vida do siareiro do Dépor e membro dos Riazor Blues Francisco José Romero Taboada, o SUP condena “de forma tallante os episodios de violencia vividos nas inmediacións do Estadio Vicente Calderón”, ao tempo que se solidariza coa familia do falecido.
Por outra banda, defende o labor levado a cabo polos membros do Corpo Nacional de Policía. No que respecta á Xefatura Superior de Policía de Galicia, defende o traballo dos funcionarios encargados de remitir a información relativa ao desprazamento de afeccionados dende A Coruña “, sendo enviada en tempo e forma á Oficina Nacional de Deportes, engade.
REMITIDA O XOVES
Sobre esta información, indica que se detallaba “o número de entradas vendidas pola Federación de Penas de Deportivo de La Coruña (325), tanto ás penas da Coruña (215) como a dúas penas de Madrid (110), as vendidas polo RC Deportivo, o número autobuses e a previsión de desprazamento de Riazor Blues a Madrid (mínimo 50 seguidores)”.
Ao respecto, o SUP precisa que esta información foi remitida o xoves, 27 de novembro.











