O SUP asegura que esta semana dous axentes de Vigo recibiron chalecos antibalas que levaban tempo en comisaría

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Europa Press

O Sindicato Unificado de Policía (SUP) asegurou que dous das axentes da Comisaría de Vigo acaban de recibir “esta semana” senllos chalecos antibalas individualizados, poucos días despois do falecemento da policía Vanessa Lage nun atraco no que tamén resultou ferido grave o subinspector Vicente A.B..

Segundo informaron fontes do SUP, foron dúas funcionarias policiais de Vigo as que recibiron eses equipos de protección, unha integrante da Unidade de Prevención e Reacción, a mesma unidade na que estaban os axentes tiroteados o pasado 28 de novembro, e outra do equipo de radiopatrulla.

As mesmas fontes confirmaron que os devanditos chalecos “non remataban de chegar” á Comisaría de Vigo e que “levaban tempo” en dependencias policiais (aínda que non se sabe canto), polo que se preguntan “por que non se repartiron antes”.

O sindicato afirmou que ten constancia, a través do contacto con compañeiros de comisaría do resto de Galicia e de España, de que “se está a acelerar” a repartición deses chalecos, “curiosamente, despois de que aconteza esta desgracia”. Trátase de envíos xa programados e que, en calquera caso, os sindicatos policiais advertiron de que son insuficientes, posto que non se cubriría todo o equipo.

Por outra banda, dende o SUP denunciaron que, unha semana despois do tiroteo que custou a vida a Vanesa Lage (e ao atracador que lle disparou), e deixou con feridas graves ao seu compañeiro Vicente, “aínda non se sabe nada” de se levaban chalecos antibalas, se estaban no coche, ou cantos deses equipos de seguridade individualizados hai dispoñibles na Comisaría de Vigo.

5 de decembro de 2014 | 13:59 • Sen comentarios

Comentarios pechados.