O SUP asegura que a Policía enviou a información sobre o desprazamento de seareiros do Depor en tempo e forma
Os funcionarios encargados de remitir a información relativa ao desprazamento de afeccionados desde A Coruña enviárona “en tempo e forma” á comisión estatal contra a violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia no deporte, a través da Comisión Nacional do Deporte, segundo asegura o comité federal territorial do Sindicato Unificado de Policía (SUP) en Galicia.
Nun comunicado encabezado polo lema “a policía fixo ben o seu traballo”, este sindicato policial defende, así, o labor levado a cabo polos membros do corpo nacional de policía, no que respecta á xefatura superior de policía de Galicia.
Nesa información detallábase, tras as xestións “pertinentes”, segundo indica o SUP, “o número de entradas vendidas pola Fundación de Peñas de RC Deportivo (325), tanto ás peñas da Coruña (110) como a dúas peñas de Madrid (110), as vendidas polo RC Deportivo, o número de autobuses e a previsión de desprazamento de ‘Riazor Blues’ a Madrid (mínimo 50 seguidores)”.
Dita información foi remitida o xoves, día 27 de novembro, segundo apunta a organización na nota, na que, ademais, condena de forma “taxante” os episodios de violencia vividos nas inmediacións do estadio Vicente Calderón, e solidarízase coa familia do falecido.











