O servizo de substitución gandeira de Lalín prestou unhas 130 xornadas de traballo en explotacións de 15 parroquias
O concelleiro de Actividade e Produción Agraria sinala o bo funcionamento deste servizo municipal ao que se pode acoller calquera gandeiro beneficiándose dunha subvención do Concello do 40% do custe do servizo Para este mes de decembro existen diversas reservas, tanto para esta fin de semana longa como para o Nadal.
O servizo de substitución gandeira do Concello de Lalín leva feitas no último trimestre ao redor dunhas 130 xornadas realizadas polos tres operarios que están á fronte deste programa municipal coordinado desde a Oficina Agraria, desde que a finais de agosto se adxudicou a Xuncoga por unha contía de 10.000 euros, renovándose así o contrato anual.
Así o subliña o concelleiro de Actividade e Produción Agraria, Manuel Fernández López, que remarca que en total nestes tres meses de funcionamento desenvolvéronse servizos nun total de 15 parroquias: Erbo, Palio, Botos, Madriñán, Palmou, A Veiga, Barcia, Anseán, Losón, Castro, Barcia, Palmou, Botos, Vilatuxe e Doade.
Fernández López indica que “durante o mes de setembro os traballadores do servizo estiveron practicamente a tope, prestando 50 días entre os dous, prestando os seus servizos en explotacións de nove parroquias: Erbo, Palio, Botos, Madriñán, Palmou, A Veiga, Barcia, Anseán e Losón”.
“O mes de outubro cubriuse cun total de 52 días correspondéndose con explotacións nas parroquias de Castro, Barcia, Palmou e Madriñán, mentres que no mes de novembro rexistrou 25 solicitudes para desenvolver os servizos nas parroquias de Botos, Madriñán, Vilatuxe e Doade”, explica.
O concelleiro delegado fai fincapé que “para este mes de decembro hai un bo número de reservas para este fin de semana longo e a tamén a partir do día 20 pola proximidade das Festas de Nadal”. “Como vén sendo habitual, este servizo destaca polos bos resultados obtidos neste primeiro trimestre desde que se adxudicou o último contrato, como o confirma o feito de que existen reservas xa para este mes de decembro e de que explotacións que recibiron algunha vez o servizo volvan contratalo”.
É de destacar que este servizo de substitución gandeira, que a Concellería de Actividade e Produción Agraria puxo en marcha no ano 2008 permite aos titulares de explotacións dispoñer duns días libres para tarefas como ensilado de millo ou para atender asuntos de índole persoal ou ben para coller uns días de vacacións ou de descanso. As reservas que máis abondan son as de fin de semana, aínda que tamén hai algunha baixa debida a operacións do titular da explotación ou de familiares achegados ou tamén a períodos vacacionais de entre unha e dúas semanas.
Un feito subliñable é que este servizo municipal pode ter como beneficiario todos os gandeiros lalinenses, independentemente de que estean asociados ou non en cooperativa. O dito programa permite a contratación dun operario do servizo cunha subvención do Concello do 40% do custe do servizo de substitución.
Os gandeiros interesados en solicitar o servizo poden facelo nas instalacións da cooperativa Xuncoga (986 787 527), no Polígono Lalín 2000. Deberán pedilo nun prazo mínimo de 15 días previo á realización dos traballos, agás causa de forza maior que se poderá presentar a petición o mesmo día.
Cada gandeiro poderá beneficiarse deste servizo subvencionado durante 30 días anuais como máximo, e deberá repartir as xornadas ao 50 por cento entre a tempada de inverno e de verán. En caso de que varios gandeiros coincidan nas datas solicitadas, o servizo será asignado por rigoroso orde de solicitude.











