O Sergas recolocará aos seus traballadores de mantemento cando se abra o novo hospital de Vigo
A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, destacou hoxe que o Servizo Galego de Saúde aposta pola estabilidade laboral dos seus traballadores polo que, cando se abra o Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo, o seu obxectivo é recolocar aos seus profesionais propios de mantemento do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo.
Mosquera explicou no Pleno do Parlamento que no CHUVI o mantemento dos hospitais é realizado con persoal propio, no caso do Hospital Xeral-Cíes; cunha contrata -a empresa ISOLUX- no Meixoeiro; e coa empresa INGESAN, no caso do Hospital Nicolás Peña.
Como consecuencia da posta en marcha do novo Hospital Álvaro Cunqueiro, de próxima inauguración, os pregos establecen que a sociedade concesionaria do novo hospital asumirá o mantemento deste centro, pero non se fará cargo do mantemento nin do Hospital do Meixoeiro nin do Nicolás Peña.
O persoal propio -dependente do Servizo Galego de Saúde- que traballa actualmente en mantemento do Xeral-Cíes ten dereito, se así o desexan e optan voluntariamente por elo, a traballar no novo hospital de Vigo. Se non, quedarán como persoal estatutario do CHUVI.
Segundo indicou a conselleira, unha vez deixe de funcionar o hospital xeral, o lóxico é que o persoal propio de mantemento –empregados do Sergas- pase a ocuparse do servizo nos hospitais Meixoeiro e Nicolás Peña, no caso de que opten por non pasar á contrata do novo hospital. Como consecuencia, o persoal das contratas dos devanditos centros non sería necesario, pois isto suporía duplicar persoal para realizar a mesma función.
Agora ben, se o persoal de mantemento do Hospital Xeral optase maioritariamente por pasar ao novo hospital, manteríase a contrata no Hospital Meixoeiro, pois o servizo haberá que prestalo en calquera caso, sexa con persoal propio ou a través dunha contrata, como está na actualidade.
En calquera caso, sinalou Mosquera, ata que se faga efectivo o dereito dos traballadores do Sergas a continuar ou permanecer neste organismo, non se poderá confirmar de modo rigoroso cómo se fará a recolocación de efectivos.











