O SEIS activará de forma preventiva a Unidade de Rescate en Litoral nos temporais e eventos multitudinarios

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaLocal Portada
A-
A+

O tenente de alcalde de Seguridade e Mobilidade, Julio Flores, acompañado da xefatura do Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento (SEIS), informou esta mañá do impulso definitivo da Unidade de Rescate en Litoral do SEIS coa presenza dos bombeiros desta unidade especializada nas alertas por temporal e nos eventos multitudinarios que se desenvolvan na costa urbana.

“Ao longo destes case catro anos de mandato municipal, o SEIS apostou pola formación especializada para poder realizar rescates en acantilados, atender incendios en buques ou resolver situacións que se poidan formular con mercadorías perigosas” sinalou Flores e continuou “dende hai un ano, un número importante de bombeiros estivéronse a preparar para atender puntualmente rescates e buscas na costa urbana en colaboración con servizos de rescate doutras administracións públicas, e mesmo realizaron probas con éxito da eficacia do seu traballo preventivo na noite de San Juan”.

Flores informou que o obxectivo para o próximo ano é que esta Unidade de Rescate en Litoral este presente naqueles eventos multitudinarios que poidan ter un risco engadido como a noite de San Juan, a Batalla Naval ou o Noroeste Pop Rock e tamén nas alertas meteorolóxicas por fenómenos costeiros que requiran especial vixilancia. “Esta Unidade demostrou que ten capacidade para actuar cando hai un problema na franxa costeira urbana e agora se formula o reto de estar presente de forma preventiva naqueles eventos onde poida haber algún risco especial para actuar de inmediato e previr accidentes nas praias urbanas” indicou Flores.

O tenente de alcalde agradeceu o compromiso do SEIS á hora de impulsar esta actividade pioneira e apuntou que o Goberno municipal garante a formación especializada dos membros desta unidade para os próximos catro anos e que en 2015 se van multiplicar por cinco as horas de prevención para desenvolver a tarefa desta unidade especializada e ademais incrementar as charlas en colexios, os simulacros e os reténs preventivos en eventos deportivos e de ocio.

23 de decembro de 2014 | 19:22 • Sen comentarios

Comentarios pechados.