O Rio Natura Monbus Obradoiro presenta a nova camiseta da colección Lendas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+
Presentación da camiseta

Presentación da camiseta

O Rio Natura Monbus Obradoiro e o seu socio estratéxico Enfios Texgroup lanzaron hoxe a nova camiseta retro da “Colección Lendas”, a Ricardo Aldrey Limited Edition, dedicada ao ex xogador obradoirista e internacional Ricardo Aldrey.

No acto estivo presente o director xeral do club, José Luís Mateo, que destacou que “con esta segunda peza continuamos  co plan trazado no seu día polo Consello de Administración, onde o recoñecemento á historia do club é unha parte fundamental”, e fixo un pequeno percorrido polos logros do veterano: “Xogou cinco tempadas no primeiro equipo, e os que o vimos xogar sabemos que é un excelente exemplo dos valores polos que pretende ser identificado o noso club: esforzo, compromiso coas cores e o equipo por encima do individuo. Todos aqueles mozos galegos que soñen con xogar un día en Liga Endesa teñen en Ricardo un magnífico modelo”, explicou Mateo.

Pola súa banda, Pablo García, director de mercadotecnia e comunicación de Enfios Texgroup, recalcou que a peza “xa está dispoñible na Miudiño Store de Sar e terá pantalón a xogo, así como todas as tallas: desde nenos a XXXL”.

Tamén Moncho Fernández gardou unhas palabras de recoñecemento para o mítico xogador: “É moi grato poder sentarme aquí xunto a un xogador ao que admiraba desde que empezaba a adestrar, e co que tiven a sorte de coincidir varias veces, como no Curso Nacional de Adestrador que fixemos xuntos en Euskadi”. Engadiu que “esta camiseta é un dos compromisos do club coa historia, pero non o único, acordándome tamén da nova iniciativa pola que a cada partido asisten dous destes veteranos ao palco. Sempre digo que nós isto non o herdamos, prestáronnolo, e quen o fixo merécese todo o recoñecemento posible”.

O anfitrión no evento, Ricardo Aldrey, agradeceu ao Rio Natura Monbus Obradoiro e a Enfios Texgroup “por empezar isto cun grande como Tonecho Lorenzo e continuar comigo”. O mítico internacional santiagués lembrou a toda a súa familia, incluída a deportiva forxada nos seus anos como xogador en diferentes clubs. Tivo palabras para todos os que o acompañaron na súa traxectoria, estendéndose nas anécdotas vividas con cada un. “O meu pai, quen me ensinou a ser boa persoa; a familia que me acolleu en Ferrol, que tamén ten que ver co obradoirismo; a miña muller e os meus fillos que me apoiaron; os colexios nos que estiven; os fundadores do club e os que o mantiveron todos estes anos; os meus compañeiros; os meus adestradores: todos eles están nesta camiseta e tamén a quero compartir con todos vós”, resumiu.

Tras o repaso dos seus vinte e dous anos de carreira en Galicia “onde me formei e fíxenme como xogador, e no tempo no que tamén estiven coa Selección Española grazas a esta camiseta que está aquí, ao esforzo e ao tesón”, Aldrey agradeceu ao Consello de Administración o recoñecemento e desexou éxitos aos de Moncho Fernández, ao cal se dirixiu persoalmente para confesarse “moi orgulloso de que un santiagués dirixa este equipo”.

16 de decembro de 2014 | 20:31 • Sen comentarios

Comentarios pechados.