O Rio Natura Monbus Obradoiro enfoca o seu vindeiro encontro en Madrid
O Rio Natura Monbus Obradoiro volve hoxe aos adestramentos tras a vitoria do pasado sábado ante o Tuenti Móvil Estudiantes, pensando xa na súa visita ao Real Madrid de Pablo Laso (domingo 21, 12:15 horas), na que tamén organiza unha viaxe para os afeccionados que queiran animar aos santiagueses de preto ante un dos equipos máis potentes da liga Endesa.
O base Pepe Pozas, que o sábado volveu callar un gran partido, advirte que “temos que ir coa mentalidade de que o partido dura 40 minutos e de que hai que loitar até o final, porque nunca se sabe. Imos dalo todo”, e pon como exemplo ao propio Tuenti Móvil Estudiantes, que venceu aos brancos antes de visitar o Fontes do Sar.
Ante os colexiais, o malagueño móstrase contento coa súa participación: “Dei un pasiño en defensa. A semana pasada estiven máis frouxo e esta vez creo foime mellor, defendendo a Salgado, por exemplo”.
Outro dos homes de Fernández, Haris Giannopoulos, fai memoria do sucedido este sábado: “Foi un partido realmente duro, eles estaban en gran forma nas últimas semanas e tivemos que sacar vantaxe do noso campo”. Fisicamente, recoñece sentirse “moi ben” e aproveita para “agradecer a todo o mundo no club, porque están a ser moi pacientes. Era un problema que non se resolvía e estiven dous meses adestrando a baixa intensidade, tentando axudar no que puiden, pero nestas dúas últimas semanas atopeime moi ben e contento por poder sumar”, explica o beirado grego.
Bota unha ollada ao calendaro e advirte que “os próximos seis partidos van ser moi duros. Este primeiro partido será moi importante. Temos que ir alí e ser fortes. Real Madrid é un moi bo equipo, cun gran persoal con moito talento, así que temos que ser mellores en todos os pequenos aspectos nos que o talento non é o máis importante, como fixemos contra o Tuenti Móvil Estudiantes: Non necesitamos anotar 80 ou xogar bonito neste tipo de partidos. Simplemente temos que gañalos”, sinala.











