O Rio Natura Monbus Obradoiro cae en Miribilla
O Rio Natura Monbus Obradoiro non puido cun Bilbao Basket liderado pola veteranía do seu equipo e pola calor de Miribilla (70-58). Os galegos, por debaixo no marcador durante case toda a primeira parte, xeraron a remontada para irse ao descanso liderando o encontro, pero a presenza de Raül López ou Alex Mumbrú en pista, homes do partido, impediu manter o ritmo e deu aos vascos a súa novena vitoria da tempada.
Os de Sito Alonso comezaron o partido centrándose no perímetro, inaugurando o marcador cun triplo de Hervelle seguido doutro de Raül López. Anotou Pumprla tras un magnífico roubo para romper o parcial de 6-0 dos bilbaínos, pero estes seguían tirando e cazando rebotes ofensivos, que xogadores como Mumbrú convertían en puntos a aro pasado. Os de Moncho seguiron desacertados baixo o taboleiro, e a entrada de Wragge nos de Alonso non minorou o acerto dende os 6.75 metros. Con todo, e grazas a un 2 +1 de Waczynski e outros dous tiros do polaco, o primeiro cuarto finalizou 20-13 para os locais.
Cambiou a tónica no segundo período, co quinteto obradoirista formado por Pozas, Waczynski, Giannopoulos, Nankivil, Miller. Especialmente enchufado o á-pivote americano con dúas boas canastras consecutivas, os de Moncho descolocaron os de Miribilla cunha notable mellora defensiva, achegándose a catro no marcador cunha bandexa de Pozas. Cando o malagueño se sentou e entrou Luz no seu lugar non cambiou a historia, anotando o brasileiro un triplo crucial para seguir xerando a remontada, culminada con tiros libres anotados de Pumprla, que levaron ao Rio Natura Monbus por diante no marcador ao descanso: 34-36. Os santiagueses deixaban en 14 puntos os homes de negro cun acerto de 6/7 en tiros de dous.
Á volta do descanso, un problema no luminoso da canastra onde anotaban os de Moncho non tivo solución e fixo xogar o resto do partido ás cegas. Inaugurou Kleber de tres, pero foi contestado rapidamente con outro triplo de Quino Colom. O desacerto momentáneo dos obradoiristas e a falta de rebotes ofensivos, talón de Aquiles del Rio Natura Monbus en todo momento, permitiu ao Bilbao Basket poñerse de novo por diante con dous triplos consecutivos de Raül López á metade do período e o acerto do outro base dos de negro en pista: Quino Colom. Cun parcial tan favorable, os homes do Bilbao romperon o partido e xa non deixaron escapar a súa vantaxe ata soar a bucina final.
Sito Alonso vía como a estratexia de ter en pista dous directores de orquestra como Quino Colom e Raül López daba froitos, e só os sentou para darlles pequenos descansos. O último cuarto volveu seguir a marcha que marcaron os locais, non podendo anotar os de Moncho ata pasados case cinco minutos de xogo, cun triplo de Waczynski. Castigou neste período á defensa galega Dejan Todorovic, con puntos valiosos, mentres o Rio Natura Monbus perdoaba canastras sinxelas. Con Kleber e Nankivil xuntos en pista, os santiagueses buscaban o aro sen o éxito necesario e encontrándose cun muro en Hervelle. Cando xa o resultado estaba practicamente pechado, Latavious Williams despediuse da súa afección no seu último partido como xogador do Bilbao Basket cun mate que o fixo sentarse ovacionado, ao igual que Raül López.
Sen tempo case a pensar na derrota, o Rio Natura Monbus céntrase na seguinte xornada de liga, xogada durante a semana, preparando o vibrante partido que se espera no Fontes do Sar ante o F.C. Barcelona, actual campión da Liga Endesa (martes 30, 20:30 horas).











