O PXOM de Carballo incorpora a Memoria Ambiental da Xunta e podería ir ao pleno para a súa aprobación provisional a primeiros de 2015
O Concello acaba de recibir esta semana a Memoria Ambiental do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) de Carballo, un documento elaborado pola Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas da Xunta de Galicia e un requisito indispensable para poder presentar o PXOM ante o pleno para a súa aprobación provisional. Así, Augas de Galicia vén de remitir tamén o seu informe sobre o planeamento, a última documentación que faltaba para que puidera saír adiante a Memoria Ambiental. Segundo explica a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano, Milagros Lantes, a Memoria realiza un informe esencialmente “favorable” que suporá a incorporación de varias pequenas modificacións relativas ás especies protexidas presentes en zonas como as antigas minas da Brea; referentes aos mapas de zonificación acústica; ou ás incorporacións realizadas no último informe emitido pola Dirección Xeral de Patrimonio.
Así mesmo, e respecto do Informe de zonas inundables delimitadas do municipio elaborado por Augas de Galicia, a memoria recomenda a actualización do PXOM coa incorporación nun anexo dos Mapas provisionais de perigosidade e risco de inundacións costeiras e fluviais da Demarcación Hidrográfica de Galicia-Costa que nestes momentos están en período de exposición pública. Respecto da edificabilidade do PXOM, a capacidade residencial permanece practicamente inalterable respecto da aprobación inicial, con 30.002 vivendas (máis de 12.000 novas), mantendo o obxectivo de concentrar o crecemento en “solo urbano consolidado”, priorizándose o colmatado das medianeiras e das parcelas baleiras fronte a novas construcións. Segundo sinala Lantes, a Memoria Ambiental respalda a xustificación realizada respecto da necesidade de manter a capacidade residencial proposta polo equipo redactor do PXOM. Segundo o documento da Xunta “o exceso de solo urbanizable” vén dado porque un dos obxectivos prioritarios debería ser “o remate das tramas urbanas existentes” ao tratarse Carballo dunha vila con “presenza de entramados inacabados”.
Así mesmo, a Memoria non afecta para nada á cartografía do plan, polo que as modificacións esixidas poderán realizarse con celeridade. Tanto o Alcalde, Evencio Ferrero, como a Concelleira de Planificación e Desenvolvemento Urbano manifestaron que a incorporación da Memoria Ambiental é unha “boa noticia”, non só polos seus contidos, senón porque o trámite permitirá axilizar a aprobación provisional do planeamento. Así, o seguinte paso, unha vez que xa teñen sido informados todos os grupos municipais, é o de que o equipo redactor incorpore ao planeamento todas as modificacións incluídas na Memoria Ambiental e logo convocar unha Comisión de Urbanismo para poder presentar ante o pleno da corporación a proposta para a aprobación provisional do Plan Xeral de Ordenación Municipal. Milagros Lantes calcula que isto podería suceder nun pleno extraordinario ao longo do mes de xaneiro, e, en todo caso, a primeiros de 2015. Logo o PXOM remitiríase unha vez máis á Xunta para que sancionase a súa aprobación definitiva.











