publicidade hoxe

O PSOE de Trazo solicita o amparo do Valedor do Pobo ante os atrasos e dificultades no acceso á información por parte do rexedor

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaTrazo
A-
A+

O grupo municipal socialista de Trazo vén de solicitar o amparo do Valedor do Pobo ante os continuos atrasos e dificultades no acceso á información municipal postos por parte do alcalde, Xosé Dafonte. Os concelleiros Beatriz Domínguez e Javier Castiñeiras veñen de presentar unha solicitude diante do Valedor do Pobo na que solicitan “que se leven a cabo todas aquelas actuacións para poñerlle fin a esta situación anormal e erradicar o modo en que se trata dende o Goberno municipal aos membros da oposición, lexítimos representantes escollidos polo pobo de Trazo”.

A solicitude está acompañada de numerosa documentación que acredita as constantes dilacións do señor Dafonte á hora de facilitar a información que se lle require e á que legalmente teñen dereito os concelleiros socialistas. O último exemplo foi a petición de acceso a unha documentación sobre as obras da travesía de Lengüelle e ao Rexistro de Entrada e Saída do Concello, presentada en outubro de 2014, reiterada en novembro de 2014 e que o Concello de Trazo autoriza para o 16 de febreiro de 2015. É dicir, 4 meses despois da solicitude.

Incumprimento da lei

A voceira municipal socialista, Beatriz Domínguez, considera que “dende o Concello de Trazo se está actuando de mala fe co único fin de entorpecer o noso labor como oposición”. Un exemplo sintomático é que as actas das Xuntas de Goberno Local se están enviando aos concelleiros da oposición cunha demora de entre tres e catro meses, incumprindo así o artigo 113b do Regulamento de Organización, Funcionamento e Réxime Xurídico das Entidades Locais (R.O.F.), que establece un prazo máximo de 10 días.

“O non facilitar as actas das Xuntas de Goberno Local ata pasados 120 días da súa celebración demostra unha vez máis a forma caciquil e pouco transparente de gobernar por parte do señor Dafonte, que trata de ocultar a información sobre o seu xeito de gobernar porque é precisamente nesas actas onde quedan reflectidos cuestións como as aprobacións de pagos, licenzas, subvencións, acordos, etc”, lembra Domínguez Siaba. A voceira municipal socialista pregúntase por que o señor Dafonte se empeña ano tras ano en dificultar o lexítimo labor de oposición do PSOE de Trazo: “a resposta non pode ser outra que o medo que o señor Dafonte lle ten á verdade e á transparencia, o medo que ten a que os veciños coñezan a súa pésima e nula xestión á fronte do Concello de Trazo”.

Así mesmo, Beatriz Domínguez lembra que “nun Concello pequeno como o de Trazo, con sesións plenarias cada tres meses, o noso labor como oposición baséase case exclusivamente na fiscalización e revisión das actas das Xuntas de Goberno, as cales chegan tarde, mal e a rastras”. Unha situación que se vén producindo dende hai varios anos pero que se ten agudizado dende o ano 2012.

12 de decembro de 2014 | 13:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.