O proxecto Ecodraga contribúe na procura dun sistema de dragado eficiente e sostible

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+

O presidente de Portos de Galicia, José Juan Durán, encomiou o “traballo e o esforzo investigador” das tres entidades empresariais (Nodosa, Canlemar e Centro de Investigaciones Submarinas) que, xunto ás universidades de Vigo e A Coruña e ao Centro Tecnolóxico do Mar, fixeron posible o proxecto ECODRAGA, cuxos resultados se presentaron hoxe nunha xornada na sede do CETMAR en Vigo.

O titular dos portos galegos destacou a importancia das dragaxes nos contornos portuarios “para facilitar a actividade marítima” e incidiu no “estrico rigor ambiental” que ao seu xuízo debe presidir este tipo de actuacións. Neste senso, afirmou que o sistema ECODRAGA é unha “solución eficiente e sostible a estas necesidades”.

Sinalou tamén que a colaboración de Portos de Galicia e da Consellería do Medio Rural e do Mar nesta iniciativa “é unha mostra máis do compromiso” que ambas institucións manteñen “coa aplicación das técnicas e tecnoloxías máis innovadoras, expoñentes do I+D+I galego”. Desta maneira, engadiu, “compatibilízase a mellor operatividade e rendibilidade económica das nosas infraestruturas coa sostibilidade ambiental e a conservación de espazos” . “Non cabe dúbida de que a ECODRAGA é un exemplo paradigmático desta liña de traballo”, dixo.

José Juan Durán estivo acompañado pola directora-xerente do Centro Tecnolóxico do Mar, Paloma Rueda, na apertura da xornada de presentación de resultados desta iniciativa, financiada polo Centro para el Desarrollo Tecnológico Industrial e executada nos últimos dous anos.

Os detalles do proxecto foron expostos no primeiro relatorio da mañá polo técnico responsable do proxecto na Fundación CETMAR, Rubén Rodríguez, quen afirmou que o obxectivo xeral desta iniciativa era procurar un sistema de dragado que reducise a produción de turbidez e a dispersión de contaminantes.

Segundo explicou, a ECODRAGA conta cunha cántara ecolóxica para o control do reborde da auga durante os traballos de extracción, cun sistema ecolóxico de vertido que permite a xestión dos materiais en función da súa caracterización, e cun sistema de control que reduce a turbidez e aumenta a precisión nas tarefas de dragado.

Das modificacións estruturais do sistema ECODRAGA falou a continuación Rafael Outeiral, representante de Nodosa, mentres que Alba Vázquez, de Canlemar, e Xulio Fernández Hermida, da Universidade de Vigo, falaron da aplicación do mesmo nas tarefas de dragado. Pola súa banda, Carlos Durán, do CIS, expuxo as melloras ambientais que supón a aplicación deste sistema.

A xornada serviu tamén para abordar o regulamento de xestión do material dragado, a súa clasificación e xestión e o estudio de puntos de vertido de dragados en Galicia. Unha mesa redonda puxo fin á xornada.

17 de decembro de 2014 | 19:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.