O programa ‘Start up, stand up’ acada a adhesión da Universidade e empresarios de Vigo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedraVigo
A-
A+

O proxecto ‘Start up, Stand up’, que lidera a Consellería de Traballo e Benestar para promover a Responsabilidade Social Empresarial (RSE) entre as empresas galegas de nova creación ou start up, acaba de acadar a adhesión da Universidade de Vigo e da Asociación de Xoves Empresarios de Vigo.

A directora xeral de Traballo e Economía Social, Carmen Bouso, presidiu hoxe na cidade olívica a sinatura do documento de adhesión e clausurou a presentación da iniciativa, un acto co que se pretendeu dar visibilidade ao proxecto, entre as empresas participantes e a mocidade beneficiaria, como xeito de poñer de relevo a súa implicación nesta actuación.

Bouso destacou que o programa ‘Start up, stand up’ é unha iniciativa que pretende implementar prácticas de RSE nas empresas de nova creación ou start up galegas, ao mesmo tempo que xeran emprego entre a mocidade que desexa iniciar o seu camiño no eido laboral.

Esta iniciativa, que se enmarca no Plan Estratéxico Galego de RSE 2011-2014, demostrará, segundo a directora xeral, que a través da concreción de obxectivos en RSE e da creación de modelos responsables de negocio “xérase riqueza para as empresas e emprego de calidade para as persoas”. A iniciativa segue, ademais, as directrices do proxecto Enterprise 2020, de Forética, e da estratexia de RSE lanzada pola Comisión Europea.

Por último, Bouso destacou que coa iniciativa ‘Start up, Stand up’, a Xunta continúa coa súa aposta por promover a responsabilidade social empresarial dentro do tecido empresarial galego.

9 de decembro de 2014 | 14:06 • Sen comentarios

Comentarios pechados.