O programa de Nadal da Laracha incluirá diversas actividades para todos os públicos
Con motivo da celebración das festas do Nadal, o Concello da Laracha organiza, como cada ano, o seu programa de actividades específico para estas datas por medio do que se pretenden alcanzar varios obxectivos diferentes e complementarios: fomentar o espírito do Nadal entre a poboación do municipio, ofrecer propostas de ocio relacionadas coa cultura e o deporte -especialmente dirixidas aos nenos para axudar á conciliación das súas familias- e apoiar economicamente tanto ao comercio local como ás asociacións culturais e coros parroquiais por medio dos concursos de escaparates e de panxoliñas.
Na completa programación, que principiará o sábado 13 de decembro co acendido da iluminación de Nadal nos tres cascos urbanos, inclúense propostas para case todos os días laborables, salientando a presenza dos tradicionais concursos, eventos deportivos, espectáculos teatrais, ciclo de cine, obradoiros infantís e a cabalgata dos Reis Magos.
Torneo de tiro con arco
O pavillón do IES Agra de Leborís acollerá o sábado 13 de decembro a partir das 17:00 horas unha nova edición do concurso de Nadal “Concello da Laracha”, que cada ano se organiza durante as festas ou nas xornadas previas.
Concursos de postais e de conto
Desde hai varios días os alumnos dos colexios Otero Pedrayo da Laracha, Alfredo Brañas de Paiosaco e CEIP de Caión, así como das escolas unitarias A Revoltiña de Soandres e Cumiáns de Montemaior) están traballando nos debuxos e nos textos que presentarán aos tradicionais concursos de postais e de conto
O certame de conto é para estudantes do terceiro ciclo (quinto e sexto) de primaria. No de postais participan alumnos de infantil e dos dous primeiros ciclos de primaria.
O xurado realizará a valoración de todos os traballos presentados o martes 16 de decembro pola mañá na biblioteca municipal da Laracha.
En ambos casos, están establecidas categorías de premios diferenciadas por grupos de idade. Os gañadores recibirán os seus agasallos, compostos por xogos e material educativo, o sábado 20 de decembro pola mañá na Casa da Cultura da Laracha.
Festival de teatro infantil
Tamén dirixido ao alumnado de todos os centros anteriormente citados vai dirixido o festival de teatro infantil, que terá lugar en horario escolar e na Casa da Cultura da Laracha os días 17, 18 e 19 de decembro.
Concurso de escaparates
Un dos clásicos da programación de Nadal da Laracha chega á súa 19ª edición. Convídase a participar a todos os locais situados no termo municipal que dispoñan dun escaparate exterior.
A inscrición aínda está aberta. Os comercios participantes deben estar decorados con motivos propios desas datas desde o 19 de decembro ata o 6 de xaneiro.
Repartiranse 750 euros aos establecementos mellor puntuados polo xurado. A valoración realizarase o luns día 29.
Torneo de baloncesto José Antonio Vega
Na fin de semana do 27 e 28 de decembro celebrarase nos pavillóns municipais da Laracha, Paiosaco e Caión a cuarta edición do torneo de baloncesto José Antonio Vega, no que participarán equipos de categorías base das escolas deportivas de baloncesto da Laracha e doutros conxuntos procedentes de varios concellos da provincia da Coruña.
Curso de galletas de Nadal
Unha das novidades do programa deste ano será a organización de cursos de galletas de Nadal, que terán lugar no baixo da biblioteca municipal da Laracha en horario de 17:00 a 19:00 horas.
A primeira quenda vai dirixida a alumnos de educación infantil e desenvolverase o luns 22 de decembro. A segunda, dirixida a estudantes de educación primaria, realizarase o venres 26 de decembro.
Xornada de xogos tradicionais
A xornada de xogos tradicionais do mércores 23 de decembro vai dirixida a todos os públicos, nenos e adultos, e desenvolverase a partir das 16:30 horas na explanada do IES Agra de Leborís. En caso de choiva, trasladaríase ao pavillón do Instituto.
Obradoiros infantís
Coa colaboración dos alumnos e persoal docente do obradoiro de emprego que se está a desenvolver na Laracha, organizaranse tres actividades infantís como son os obradoiros denominados Lacreques (para maiores de cinco anos de idade, luns 22 de decembro), Hai unha postal para ti (dirixido a nenos de tres a cinco anos de idade, luns 22 de decembro) e Non o tires, xoga con el (maiores de cinco anos de idade, 23 de decembro). Nos tres casos realizaranse as actividades de 11:00 a 12:30 horas no baixo da biblioteca municipal da Laracha.
Ademais, haberá outros tres obradoiros que organizará directamente o Concello da Laracha e que se desenvolverán en horario de mañá no Centro de Interpretación dos Muíños de Auga da Costa da Morte de Golmar os días 26 (E chegou o Nadal), 29 (Nadal Verde) e 30 (Nadal doce) de decembro.
Cine infantil
A proxección de filmes na Casa da Cultura da Laracha e no centro sociocultural de Paiosaco será outra das propostas do programa de Nadal. As películas están cualificadas para todos os públicos e especialmente dirixidas aos nenos.
– Venres 26 de decembro, 17:30 h (Paiosaco): Tarzán, la leyenda cobra vida.
– Sábado 27 de decembro, 17:30 h (A Laracha): Azur y Asmar.
– Domingo 28 de decembro, 12:00 h (A Laracha): Kirikú y las bestias salvajes.
– Domingo 28 de decembro, 17:30 h (A Laracha): Pinocho.
– Luns 29 de decembro, 17:30 h (A Laracha): Río 2.
– Domingo 4 de xaneiro, 12:00 (A Laracha): James y el melocotón gigante.
– Domingo 4 de xaneiro, 17:30 (A Laracha): Happy feet.
Espectáculos en directo
A maxia, os contos e o teatro tamén terán protagonismo nos espectáculos en directo especialmente dirixidos ao público infantil que se van celebrar tanto na Laracha como en Paiosaco.
Para o luns 22 de decembro ás 17.30 horas na Casa da Cultura está programada a obra de Talía Teatro titulado Xango, a moi extraordinaria historia do home que foi engullido por unha máquina, que vai dirixido a maiores de seis anos de idade.
O martes 30 de decembro, tamén desde as 17:30 horas pero neste caso no centro sociocultural de Paiosaco, proponse un espectáculo de maxia a cargo de Dani García.
Para o venres 2 de xaneiro quedan programadas dúas actividades: o contacontos Arrorró meu neno, contos e cantos para os pequeniños, que comezará ás 17:00 horas no baixo da biblioteca da Laracha e vai dirixido a bebés e nenos de ata tres anos de idade, e na Casa da Cultura da Laracha a partir das 18:00 h ofrecerase o show de Peter Punk Peor imposible.
Concurso de panxoliñas María Angeriz Tuset
O certame de panxoliñas María Angeriz Tuset terá lugar o sábado 3 de xaneiro a partir das 18.30 horas na Casa da Cultura da Laracha. A inscrición continúa aberta para todas as asociacións culturais e coros parroquiais que desexen participar.
Están establecidas tres categorías de premios dotadas con 350, 300 e 275 euros. Todos os grupos teñen garantido, polo feito de participar, o premio da terceira categoría, xa que un dos propósitos esenciais deste evento é subvencionar a actividade que os coros e asociacións desenvolven ao longo de todo o ano.
Cabalgata dos Reis Magos
A cabalgata dos Reis Magos pechará as festas do Nadal e tamén o programa de actividades do Concello o luns 5 de xaneiro.
A saída da praza do Concello está prevista para as 16.30 horas. Chegarase a Caión ás 17.30 e realizarase un encontro cos nenos no porto. A seguinte parada, no campo da feira de Paiosaco, estímase que será ás 18.30. Na Laracha, tras facer un percorrido polas rúas da capital municipal, chegarán ao pavillón do IES Agra de Leborís ás 19.30 horas.
Nese lugar os nenos están convidados a agardar polas Súas Maxestades os Reis Magos desde as 16.30 participando nunha gran Festa Infantil.











