O Porto de Vigo recibe 3.000 turistas a bordo do Arcadia
O Porto de Vigo recibiu esta mañá a escala do “Arcadia”, que trouxo a bordo preto de 3.000 persoas, entre pasaxeiros e tripulación.
Chegou ás 09.00 horas procedente de Southampton (Reino Unido) e ás 17.00 horas de hoxe, aproximadamente, porá rumbo ao Porto (Portugal).
Durante a súa estancia na nosa cidade, o “Arcadia” trouxo a bordo un total de 1.997 pasaxeiros de 15 nacionalidades distintas, na súa maioría británicos (1.957 pax.), ademais de 867 tripulantes.
O “Arcadia” pertence á naviera P&O Cruises, que deixará en Vigo máis de 86.000 pasaxeiros en 2015 nun total de 30 escalas, fronte aos preto de 13.000 pasaxeiros rexistrados este ano nas 6 escalas realizadas polos buques desta compañía marítima, quintuplicando así a súa presenza nos peiraos vigueses de cara á próxima tempada.
O “Arcadia” é un cruceiro de clase “Vista”, construído por Fincantieri nos seus estaleiros de Marghera, Italia. Trátase do terceiro barco máis grande dos sete actualmente en servizo para P&O Cruises.
O barco entrou oficialmente en servizo para a empresa en abril de 2005 e foi amadrinado pola atleta británica campioa olímpica de 800 e 1.500 metros nos Xogos de Atenas 2004, Kelly Holmes.
Orixinalmente foi destinado para ser un barco clase “Vista” para a Holland America Line, pero en 2003 Carnival Corporation transferiuno á Cunard Line para converterse no Queen Vitoria. Pouco antes de ser botado tomouse a decisión de transferir o buque a P&O Cruises. Tras unha reparación nos estaleiros de Lloyd Werft en Bremerhaven (Alemaña) en decembro de 2008, engadíronse 34 camarotes, así como remodelacións similares na superestructura traseira.
Ambiente “british”
O “Arcadia” ofrece unha confortabilidade excelente grazas aos seus amplos corredores e á súa estrutura accesible. Con capacidade para albergar a un total de 2.388 pasaxeiros e 880 tripulantes nos seus 285 metros de eslora e 33 de manga, se por algo se caracterizan os buques de P&O Cruises é polo seu ambiente británico. Practicamente o 100% dos pasaxeiros que navegan con esta compañía son ingleses, escoceces, irlandeses…
A bordo, o pasaxeiro poderá atopar diferentes bares e “lounges” que están perfectamente repartidos polo interior do buque, así como 2 piscinas, unha delas con cuberta retráctil. Así mesmo, o pasaxeiro pode elixir entre 26 tipos de camarotes distintos, entre suites, mini suites e camarotes exteriores con balcón privado.
Tras a cea, pode gozar do humor inglés e/ou australiano ou dun musical ao estilo Broadway no pequeno salón-cabaret “The Palladium”. Tamén existen outros lugares para a diversión, o entretemento ou o relax. O Ocean Spa de a bordo reúne o indispensable para unha estancia relaxante e anti-estresante. Conta con dous restaurantes principais, ademais do buffet e a pizzaría-grill: “Arcadian Rhodes” e “Orchid Restaurant”.











