O Porto de Vigo acolle a escala simultánea de catro buques portacontedores

Vista dos catro portacontedores
O Porto de Vigo acolleu esta mañá a escala de catro buques portacontedores no Peirao de Guixar, que estarán a operar ao longo da xornada de hoxe de forma simultánea.
Unha operativa que até agora non era posible debido ás limitacións do peirao, que só permitía como máximo a escala de até tres buques á vez, manténdose o cuarto fondeado e á espera de que os restantes terminasen a súa operativa.
Esta cuádrupla escala foi posible tras a ampliación da Terminal de Colectores, que pasou de ocupar 125.000 m2 aos 180.000 m2 de superficie actuais. Esta ampliación supuxo, ademais, a reorganización de tráficos no Porto de Vigo tras a ampliación do Peirao do Arenal, onde se trasladou toda a mercadoría xeral, deixando Guixar única e exclusivamente para o tráfico de colectores. Así mesmo, a Terminal conta cun novo guindastre Super Post Panamax con condicións técnicas inigualables, que se suma ás outras tres grandes guindastres portainer de diferentes alcances: Feeder, Panamax e Post Panamax. Todas elas traballaron ao longo desta mañá de forma simultánea, para poder despachar a mercadoría dos catro buques portacontedores.
O incremento da capacidade operativa da Terminal de Colectores do Porto de Vigo quedou, unha vez máis, demostrado hoxe, tras a escala do Warnow Vaquita (CMA-CGM) -nova liña que hoxe cumpre o seu primeiro mes cun notable éxito e que permitiu aumentar os portos de destino de mercadorías mellorando, ademais, os tempos de tránsito- o WEC Goya (WEC Lines), o Elite (WEC Lines) e o MSC Uma (MSC).
O pasado ano o Porto de Vigo rexistrou unha marca histórica no tráfico de mercadoría movida por colector en guindastre, ao alcanzar as 2.200.000 toneladas, aproximadamente, o que demostra que Vigo é un porto especializado, a través do que se moven preto do 80% dos colectores do conxunto de Galicia.











