O pobo de Nadal de María Pita abre mañá para recibir a Papá Noel
A praza de María Pita converterase desde mañá nun pobo de Nadal onde os nenos poderán gozar de múltiples atraccións e actividades deseñadas para eles entre o 6 de decembro e o 1 de xaneiro. Un total de 1.132.000 puntos de luz, un 20% máis que o ano pasado, darán brillo ao poboado, formado por nove casas de madeira –entre elas a casa de Papá Noel-, 40 árbores decorativas e 15 figuras que adornarán as casas con motivos tipicamente do Nadal como elfos, o gran trineo de Santa Claus, xoguetes e bonecos de neve.
A inauguración será mañá, 5 de decembro, á 20.00 horas e o acto estará presidido pola tenente de alcalde de Emprego e Empresa, Luisa Cid, quen se encargará de recibir a Papá Noel antes de proceder ao aceso da fachada do Palacio Municipal e do pobo de Nadal, que este ano contará, entre outros atractivos, coa Árbore dos Cristais, de 11 metros de altura. A iluminación do poboado terá, ademais, un maior aforro enerxético cun gasto similar ao dunha familia tipo, xa que consumirá menos de 6 KW.
Rodeadas de árbores de diferentes tamaños, as casas do poboado serán de catro modelos diferentes e de deseño similar. Unha das cabanas utilizarase para realizar talleres e distintas actividades lúdicas, mentres que o principal atractivo estará na Casa de Papá Noel, o lugar onde Santa Claus atenderá as peticións dos nenos xunto á cheminea.
O pobo de Nadal contará tamén co Pozo dos Desexos no que os nenos e adultos poderán arroxar moedas e pedir un desexo. A recadación destinarase a entidades benéficas da cidade.
Entre as atraccións, o pobo disporá dun carrusel e dun tren infantil, que ocuparán durante eses días uno dos laterais da praza. Haberá ademais, postos de garrapiñadas, castañas e de algodón de azucre.
CONCERTOS E TALLERES
Máis de 100 talleres e actuacións musicais amenizarán o pobo de Nadal con zancudos, mimos e personaxes de conto porque o obxectivo do Concello é que sempre haxa actividade. Deste xeito, celebraranse talleres todos os días, en horario de tarde (de 17.15 a 19.15 horas) sobre temáticas relacionadas coas festas, desde como deseñar unha árbore de Nadal ou facer postais até clases de maquillaxe.
As actuacións musicais, así mesmo, terán protagonismo na programación lúdica, cunha media de entre dúas e tres actuacións diarias, case sempre en horario de mañá e tarde. Os concertos celebraranse no escenario habilitado para a ocasión fronte á fachada do Palacio Municipal.
APOIO AO COMERCIO CORUÑÉS
Contribuír a dinamizar o pequeno comercio é un dos grandes obxectivos do Concello coa instalación do pobo de Nadal. Así, repetirase a iniciativa do ano pasado para incentivar o consumo no comercio local coa distribución de miles de nadales entre as asociacións de comerciantes da cidade, a moeda propia do pobo de Nadal.A intención é que os comercios coruñeses fagan as súas propias promocións cos nadales, que repartirán entre os seus clientes co fin de trocalos nas atraccións e nos postos do pobo do Nadal.
A esta iniciativa municipal para promocionar o comercio local en Nadal sumouse a Asociación de Comerciantes de Castrillón, Eirís e Monelos (ACOCEM) coas súas propias accións a través dos Acocem Box. Os establecementos asociados sortearán entre os seus clientes diferentes artigos e servizos, como sesións de barbaría ou ceas para dúas persoas. Os Acocem Box estarán vixentes do 1 ao 31 de Decembro do 2014. O sorteo será o día 2 de xaneiro previa recollida das papeletas. Pola súa banda, a Asociación de Comerciantes Distrito Oza instalará un carriño de gominolas onde se poderá trocar unha bolsita de chuches por cada cinco nadales.
Por último, e como en anos anteriores, o Concello promocionará o pobo de María Pita como un atractivo turístico máis da Coruña dentro da súa política de apostar por campañas e iniciativas que incidan na desestacionalización para atraer turistas todo o ano.











